Disney deslígase de PewDiePie polas súas bromas antisemitas

martes, 14 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

No ano 2014 Disney facía unha importante aposta polos novos xeitos de comunicar na Rede adquirindo a empresa de vídeo en liña Maker Studios, que contaba entre a súa carteira de creadores a PewDiePie, o que parecía xustificar os 675 millóns de dólares que pagaron pola compañía, e aínda que o acordo que tiñan con célebre youtuber (chamado realmente Felix Kjellberg) dáballe liberdade editorial, finalmente Disney decidiu rachar a súa relación con el por mor do seu estilo e humor, por considerar que superou certas barreiras ao introducir bromas que consideraron antisemitas.
Aínda que os máis de 53 millóns de subscritores de PewDiePie parecen entender o sentido do humor do youtuber, Kjellberg tivo que publicar un comunicado deixando claro que en ningún momento pretendeu promover mensaxes antisemitas e deixou claro que a súa canle busca divertir e non realizar reflexións políticas. Incluso matizou que a broma pola que se montou o grande escándalo que levou a Disney a desvencellarse da súa canle no que se podían ver a un par de mozos da India bailando mentres sostiñan un cartel que rezaba «morte a todos os xudeus» (e que pediron perdón polo vídeo ao saber o que poñía o cartel) o que pretendía era amosar a tolería dos servizos que podemos atopar en liña, xa que por 5 dólares calquera podía acudir a Fiverr e mandar a eses rapaces unha mensaxe que aparecese nos seus vídeos por encargo. Nesta liña de bromas na canle de PewDiePie tamén apareceu un home disfrazado de Xesucristo dicindo «Hitler non fixo nada malo», e pese a que hai xente que considera moi ofensivo este tipo de humor, dende YouTube non consideran que sexan máis que bromas de mal gusto, polo que non retiran este tipo de contidos, aínda que desta volta temos que os anunciantes poden ser os que os repudien, o que si afectaría aos creadores que superen certas barreiras moi complicadas de trazar, xa que os límites do humor distan moito de ser universais.

ACTUALIZACIÓN: Tras saberse que Disney rachaba con PewDiePie, dende YouTube deciden facer o mesmo e, aínda que manteñen a canle de Felix Kjellberg, optaron por cancelar a segunda tempada do seu reality show exclusivo para subscritores de YouTube Red, Scare PewDiePie. Tamén decidiron eliminar a canle de PewDiePie do programa Google Preferred (pese a que aínda figura na páxina web oficial do mesmo), o que afasta a grandes anunciantes que teñen unha serie de normas sobre os tipos de contidos que desexan patrocinar.

PUBLICIDADE