Disney adquire unha empresa de vídeo en liña por entre 500 e 950 millóns de dólares

luns, 24 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Os fundadores de Maker Studios

Nos últimos anos puidemos ver numerosos fenómenos audiovisuais na Internet que captaron moita atención do público, especialmente a través de YouTube, onde podemos ver como o Gangnam Style de PSY está a achegarse aos 2.000 millóns de reproducións, e algúns youtubers conseguen volumes de subscricións millonarios, sendo un dos grandes referentes PewDiePie con máis de 25 millóns de seguidores en YouTube. Pero esta actividade non está a ser allea ás oportunidades de negocio, e precisamente PewDiePie é unha das numerosas canles que están agrupadas baixo Maker Studios, amparando a videoblogueiros independentes, proxectos de webseries e programas de éxito como Epic Rap Battles of History (que consegue uns 30 millóns de reproducións de media por episodio, chegando incluso a superar os 83 millóns).
Maker Studios incluso soubo organizarse como un grupo mediático creando sub-marcas temáticas como Polaris (para a cultura friki), The Platform (para o mundo da beleza e a moda), Cartonnium (para os debuxos animados infantís), The Mom’s View (para nais), Maker Music (para descubrir música en liña) e Animonster (para animación de calidade).
Finalmente este xigante do vídeo en liña que trunfa á hora de levar os contidos ao público a través das súas plataformas preferidas chegou a atención das compañías tradicionais do sector audiovisual, e a propia Disney vén de chegar a un acordo de compra por Maker Studios por uns 500 millóns de dólares, co que conseguiran un importante peso no mercado do vídeo en liña, xa que os estudios adquiridos conta cunha carteira de máis de 55.000 canles con máis de 380 millóns de subscritores e máis de 5.500 millóns de reproducións ao mes en YouTube, á vez que poden servir de grande axuda á hora de dar forma aos propios contidos da Disney para a súa distribución nas novas canles. Á cantidade pactada poderían sumárselle ata outros 450 millóns de dólares de acadarse certos obxectivos por parte de Maker Studios.

PUBLICIDADE