O Goberno achega axudas de 5 millóns para o impulso da 6G na provincia pontevedresa

luns, 13 de maio do 2024 S. P.

O Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública vén de publicar a resolución definitiva da convocatoria do programa ÚNICO I+D 6G 2023. O programa destinará 5,1 millóns de euros de fondos europeos NextGenerationEU do Plan de Recuperación a 5 proxectos da provincia de Pontevedra “co obxectivo de fortalecer o ecosistema de investigación ao redor da próxima xeración de tecnoloxía móbil”.
A Universidade de Vigo, que recibirá 4.585.626 de euros para desenvolver tres proxectos, é a principal entidade beneficiaria da provincia, xunto coa empresa viguesa Optare Solutions, que terá unha axuda de 272.696 euros e a porriñesa Quobis Networks, que disporá dunha achega de 262.177 euros.
As tres entidades, que repiten como beneficiarias do programa un ano máis, acaparan máis do 8% dos fondos repartidos en cada unha das liñas de axudas (a primeira destinada a mellora da infraestrutura e equipos de investigación universitarios, e a segunda dedicada a iniciativas empresariais de desenvolvemento experimental 5G).
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, incidiu en que estas “achegas consolidan a área de Vigo como polo de referencia científico-técnica, cunha Universidade e empresas con capacidade de competir, atraer e reter investimentos e axudas, situando á provincia á cabeza no mapa de desenvolvemento da tecnoloxía 6G”.
O subdelegado lembrou que estes investimentos súmanse aos máis de 7,4 millóns de euros repartidos na convocatoria anterior. “En total”, dixo, “o Goberno investiu máis de 12,5 millóns de euros para desenvolver doce proxectos na provincia e situar a Vigo á vangarda desta tecnoloxía disruptiva”.
Tamén engadiu que a estratexia de impulso da 5G e a 6G elaborada polo Goberno persegue “liderar a despregadura destas tecnoloxías en Europa como eixo prioritario da Axenda España Dixital investindo para eso preto de 1.500 millóns de euros en global”.
A intención é que o país poida usar esta tecnoloxía como elemento transformador económico e social, sinalou, engadindo que co dito obxectivo puxéronse en marcha programas que cobren todas as fases de desenvolvemento destas novas tecnoloxías de comunicación móbil en España con máis de 300 millóns de axudas. “Todo isto acompañado do investimento de máis de 1.000 millóns de euros para ampliar a despregadura das infraestruturas para dotar de cobertura 5G a municipios de menos de 10.000 habitantes por todas as provincias de España”.