Calligra enriquece o paquete de alternativas libres a Microsoft Office

mércores, 7 de agosto do 2013 Redacción

Hai máis vida alén de Microsoft Office, cousa que deberan ter en conta non só os que por razóns de orzamento limitado queiran ter unha suite ofimática no seu computador senón tamén aqueles que queiran probar novas alternativas ao achegado pola compañía do Windows. Esta semana soubemos do fortalecemento doutra alternativa libre, chamada Calligra, que podemos engadir ao xa de por si completo paquete de opcións de programación aberta ao Microsoft Office, paquete no que hai recursos tan salientábeis como o LibreOffice ou o OpenOffice, ámbolos dous dispoñíbeis na nosa lingua. Volvendo a Calligra, dicir que en realidade non se trata dunha ferramenta nova, en parte porque xa atesoura experiencia como suite ofimática de seu e en parte porque bebe das fontes de KOffice, o paquete ofimático para KDE que representou, por así dicilo, a súa anterior vida.
Arestora está dispoñíbel para as principais distribucións Linux e en Windows co instalador de seu. Calligra pon en xogo todo o que poidamos agardar dun paquete destas características: procesador de texto, follas de cálculo, presentacións, planificador de tarefas, xerador de diagramas, base de datos e mesmo un editor gráfico. No que atinxe á compatibilidade de formatos, permite abrir, crear e editar documentos de Office e Open Document, o formato estándar. Inclúe as ferramentas Calligra Words (procesador de texto), Calligra Stage (editor de presentacións), Calligra Sheets (edición de follas de cálculo), Callifra Flow (creación de diagramas), Kexi (ferramenta para crear bases de datos), Callifra Plan (organización de tarefas) e Krita (editor gráfico comparábel ao Gimp).

PUBLICIDADE