Biostatech organiza en Santiago un curso de introdución á contorna libre R

mércores, 11 de setembro do 2013 Redacción

A firma galega Biostatech, xurdida ao abeiro da área de bioestatística da Universidade de Santiago, informa dunha interesante actividade formativa sobre software libre. Máis polo miúdo, trátase dun curso de introdución ao programa estatístico R, achegando formación básica sobre este contorno informático estatístico (análises de datos, xeración de gráficas, recursos para a docencia) e previsto para celebrarse na aula Novoa Santos (aula 1) do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), entre os días 23 e 26 de setembro e en horario de tarde. O curso virá da man de Mónica López Ratón, licenciada en Matemáticas e Máster en Bioestatística pola USC. Segundo informa a empresa, contará con persoal de apoio para acadar “unha formación completa e íntegra”.
A actividade inclúe un total de 22 horas formativas, 18 presenciais e 4 de traballos prácticos a través de plataforma web, presentarase de forma teórica e práctica un interesante programa a través do que o alumnado acadará os conceptos básicos para poder empregar a potente ferramenta estatística R. Segundo informa a empresa e reflicte Mancomún, o programa inclúe unha introdución á contorna libre, á estrutura da información que achega e ao manexo e manipulación dos datos que permite, entre outras moitas cousas. Por certo que é preciso que os asistentes dispoñan do seu propio equipo portátil co software instalado para poder seguir as prácticas. Para facilitar esta preparación, antes do comezo do cursos remitiranse aos inscritos as instrucións de descarga e instalación do software R para os distintos sistemas operativos, GNU/Linux, Mac OS X e Windows.

PUBLICIDADE