Beat Saber recibirá un lote de cancións de Daft Punk

venres, 1 de marzo do 2024 Marcus Fernández

O xogo máis popular para visores de realidade virtual é, sen lugar a dúbidas, Beat Saber, un xogo de habilidade no que hai que cortar con espadas de luz virtuais unha serie de bloques que se achegan ao usuario ao ritmo da música.
Temos así un título que colleu a remuda de Guitar Hero e Rock Band, pola súas mecánicas de xogo e, moi especialmente, polo seu modelo de negocio, no que a compra de cancións en formato descargable teñen especial relevancia, de aí que agora sexa noticia que o vindeiro 7 de marzo vaia chegar a Beat Saber un lote de cancións de Daft Punk, formación que casa especialmente ben con este tipo de videoxogo.
Polo momento non desvelan a listaxe de cancións de Daft Punk que estarán dispoñibles, aínda que no anuncio do Music Pack pode escoitarse o tema Harder, Better, Faster, Stronger, polo que podemos entender que vai contar cos grandes clásicos da banda, aínda que tamén resulta sospeitoso que este lanzamento teña lugar cando comeza a promoción do filme Tron: Ares (xa que Daft Punk fixo a banda sonora de Tron: Legacy), polo que a presenza de temas como Derezzed tampouco sería unha sorpresa.

Anuncio do lote de cancións de Daft Punk para Beat Saber

PUBLICIDADE