A nosa comunidade de usuarios de R vólvese xuntar en outubro na USC

martes, 7 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

O 25 de outubro, a Facultade de Matemáticas de Santiago vai acoller novamente a Xornada de Usuarios de R en Galicia, unha xuntanza que xa vai pola súa quinta edición e que se dirixe a facer comunidade arredor das vantaxes e utilidades do programa estatístico R, software libre moi estendido entre a comunidade investigadora internacional de calquera vertente. A xornada está organizada pola Oficina de Software Libre do CIXUG, e patrocinada por AMTEGA, ao abeiro das actividades de fomento do software libre en Galicia que impulsa esta axencia autonómica.
O evento ten como obxectivos a promoción da linguaxe R e as súas aplicacións, ademais de facilitar o traballo en rede entre a comunidade de persoas usuarias da linguaxe e aquelas outras interesadas en coñecela ou en poñer en común as súas experiencias.
As xornadas, que incluirán obradoiros prácticos de balde, teñen páxina de seu, onde se está a achegar cada pouco información actualizada sobre o programa de actividades e participantes.
Como lembraremos, R é un software orixinariamente deseñado para a análise estatística e a realización de gráficos e que nestes intres estase a utilizar en numerosos eidos relacionados coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, Big Data, bioloxía, ...). R ten unha natureza dupla de programa e de linguaxe de programación e distribúese baixo licenza GNU-GPL.

PUBLICIDADE