A empresa galega Ayco Internet acudiu ao BlackBerry World 2012 invitada por RIM

mércores, 16 de maio do 2012

Ayco Internet, empresa tecnolóxica especializada en desenvolvemento de solucións de mobilidade, foi unha das poucas galegas que puido acudir a un dos principais eventos de tecnoloxía móbil deste ano, o BlackBerry World Congress (BBW). Este congreso, celebrado entre o 1 e o 3 de maio en Orlando, converteuse no centro mundial das ideas e dos avances relacionados con BlackBerry e coa mobilidade en xeral, reunindo a empresas, provedores de servizos, operadores, desenvolvedores e todos aqueles elementos relacionados co ecosistema BlackBerry a nivel mundial.
Unha das principais novidades do congreso foi o avance da tecnoloxía NFC, que xa se incorpora a todos os novos terminais de BlackBerry para lograr que o seu uso sexa cotián, superando incluso ao Bluetooth. Deste xeito, vincularíase definitivamente mundo físico e o virtual e transformaríanse os smartphones en plataformas de comunicación máis intelixentes.

Novo sistema operativo

Durante o BBW tamén se presentou BlackBerry OS 10, o seu novo sistema operativo para terminais que se presentou como o máis avanzado dos existentes actualmente grazas ao nivel de prestacións que ofrece. Durante as sesións organizadas durante o congreso, analizáronse os beneficios e vantaxes de crear aplicacións e xogos para a nova plataforma, revisando puntos como a monetización, diferenciación e futuros desenvolvementos e melloras. Este sistema operativo está moi enfocado ao mundo dos desenvolvedores, xa que durante todo o congreso puidéronse probar xogos, demos e aplicacións creadas con BlackBerry OS 10. Concretamente, RIM deu acceso ás betas a diferentes desenvolvedores para que no prazo de 2 ou 3 semanas presentaran no BBW aS súas realizacións e, realmente, comprobouse que o acabado das mesmas era máis que satisfactorio.
Entre a multitude de conferencias que se desenvolveron ao longo destes tres días, tamén houbo tempo para debater sobre redes sociais. Así, incidiuse na idea de que, na actualidade, a porcentaxe de persoas que interactúan en redes sociais a través do móbil supera amplamente aos que acceden desde PC ou portátil, o que dá aínda máis relevancia ao concepto de real time is not faster enough, que debe ser unha prioridade á hora de xestionar a túa imaxe dixital.

Ayco Internet e as solucións móbiles empresariais

Ayco leva máis dunha década dedicada a desenvolver solucións tecnolóxicas que faciliten o traballo dos seus clientes, o seu capital é 100% galego, é Best Partner de Vodafone para solucións móbiles e o vindeiro sábado poderemos escoitar ao seu xerente, Fernando Campos, no programa Banda Ancha da Radio Galega, dando algúns detalles sobre o que puido verse na pasada edición do BlackBerry World.

PUBLICIDADE