A Zona Indie Dev celebrou unha edición de récord en ExpOtaku A Coruña

luns, 1 de xuño do 2026 S. P.

Finalmente a Zona Indie Dev de ExpOtaku A Coruña, desenvolvida os días 23 e 24 de maio en ExpoCoruña, foi un éxito de participación e repercusión mediática, segundo confirmou a organización. En concreto, e evento reuniu 40 postos e máis de 50 videoxogos independentes durante a edición de maio de ExpOtaku A Coruña, nunha cita que “volveu poñer en valor o talento de estudios, desenvolvedores e proxectos independentes de Galicia e do resto do país”.
O balance foi polo tanto “moi positivo”, constataron, salientando que a implicación de decenas de estudios, centros formativos, asociacións e proxectos independentes durante a fin de semana do evento.
Cos 40 postos completos, máis de 50 videoxogos presentes e ao redor de 25.000 visitantes no conxunto do evento, “esta edición supuxo un novo paso adiante no crecemento da zona e na súa consolidación como escaparate para o talento indie galego e nacional”, destacaron.
Durante o evento, o público puido probar unha ampla variedade de propostas independentes, conversar directamente cos seus creadores e participar nas diferentes actividades organizadas ao redor da zona. Ademais, a edición contou con votacións abertas ao público e votacións entre os propios estudios participantes, culminando cunha entrega de premios no escenario principal.
Os proxectos galardoados recibiron trofeos conmemorativos desta edición, cun deseño inspirado no universo de Cthulhu, ademais de lotes de videoxogos grazas ao apoio de Tesura Games, JanduSoft e Devilish Games.
A organización destacou especialmente a implicación dos estudios participantes, patrocinadores, colaboradores e centros formativos que formaron parte desta edición, así como a resposta do público asistente.
“A súa participación contribuíu a consolidar o crecemento da Zona Indie Dev e a reforzar o seu papel como escaparate para o desenvolvemento independente dentro de ExpOtaku A Coruña”, salientaron, poñendo o foco na evolución da Zona Indie Dev dentro de ExpOtaku A Coruña: “O que comezou como un espazo reducido dedicado a proxectos próximos e locais converteuse nunha zona cada vez máis ampla, diversa e representativa do desenvolvemento independente actual”. Desta volta, a Zona Indie Dev contou con 40 postos ocupados, distribuídos entre estudios independentes, centros de formación, unha asociación do sector e o propio espazo informativo da organización. Ao longo do evento puidéronse ver videoxogos de distintos xéneros, estilos e plataformas, desde propostas narrativas e de aventura ata xogos de acción, quebracabezas, experiencias arcade e proxectos aínda en desenvolvemento.
Este crecemento tamén se reflectiu na resposta do público, que participou activamente probando xogos, votando os seus proxectos favoritos e achegándose a coñecer o traballo dos estudios participantes.
Mirando xa cara á próxima edición
A organización xa traballa na próxima cita, que terá lugar durante a edición de novembro de ExpOtaku A Coruña. En datas vindeiras anunciarase máis información sobre a apertura de inscricións, actividades e novidades para esta nova convocatoria. Como obxectivo para a edición de novembro, a Zona Indie Dev aspira a seguir crecendo e alcanzar os 50 postos, ampliando así o espazo dispoñible para estudios, centros formativos e proxectos independentes.
“De lograrse isto”, sinalan, “supoñería un novo fito para unha iniciativa que continúa consolidándose e achegándose cada vez máis aos eventos nacionais de referencia, reforzando o seu papel como punto de encontro para desenvolvedores, estudantes, profesionais do sector, medios e público interesado en descubrir novas propostas independentes”.

Os premios

Nesta edición, os premios dividíronse en dúas categorías principais: votación do público e votación entre estudios, con primeiro e segundo posto en cada unha delas.

Votación do público
Primeiro posto: Aikode de Naeco.
Segundo posto: Starry Larry: Let’s Parry de Akidne Develops.

Votación entre estudios
Primeiro posto: O and Behold de Soulcraft Games.
Segundo posto: Weefager de MoNoDo.