A PS5 ten dificultades para acadar os obxectivos de vendas

mércores, 14 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Pese á pandemia e os problemas de subministro de compoñentes, Sony conseguiu que a PlayStation 5 fose unha consola supervendas, esgotando todas as existencias que chegaban ás tendas até hai moi pouco, pero a cousa comeza a mudar, e o novo responsable interino da división de xogos, Hiroki Totoki, recoñece abertamente unha baixada das vendas da PS5, de xeito que a previsión de chegar en marzo aos 25 millóns de consolas vendidas neste exercicio fiscal non se cumpriría, e agora pensan que esta cantidade quedará nuns máis modestos 21 millóns.
A cousa tampouco parece que vaia mellorar moito a curto prazo, xa que non está previsto o lanzamento de ningún dos seus grandes xogos exclusivos até primeiros do ano que vén (con títulos como Marvel’s Wolverine que probablemente quedarían para 2026).
Sony entende que estamos no ecuador da vida da PlayStation 5, de xeito que as vendas de consolas deixan de medrar, e agora toca optimizar as vendas e procurar conseguir beneficios.
Aínda que poderiamos pensar que a actual situación podería levar a unha redución significativa dos prezos das consolas PS5, dende Sony advirten de que reducir os custos de fabricación está a resultar moi complexo, polo que non semella que vaiamos ver unha baixada de prezo oficial a curto prazo (aínda que si estamos a ver moitas ofertas actualmente que lembran ás da campaña de Nadal, só que desta volta aplicadas á versión slim da PS5).

PUBLICIDADE