A Ignorancia Artificial de Touriñán, Marta Doviro e Fede Pérez recala este sábado na Coruña

xoves, 7 de marzo do 2024 S. P.

Os Monólogos R, cos seus 16 anos de historia sobre as táboas, regresan a Coruña este sábado 9 en sesión dobre, co espectáculo Ignorancia Artificial, nunca tal se vira e contando coa presenza de Xosé A. Touriñán (Touri), Marta Doviro e Fede Pérez. A cita será en PALEXCO. Os monólogos R deste ano son, en palabras da operadora, “unha divertida reflexión sobre o futuro inimaxinábel que nos deparan as novas tecnoloxías, ás que debemos adaptarnos, case sempre, a demasiada velocidade”.
A cita será un convite a preguntarnos se as novas ferramentas nos converten de verdade en persoas máis intelixentes ou máis ignorantes cada vez que se renovan.
Aborda tamén os inicios da revolución tecnolóxica na que estamos mergullados, “cando era unha marcianada reservada moitas veces a frikis e/ou snobs, mais case sen decatarnos foise incorporando ao noso día a día e xa non podemos vivir sen ela”.
Estas e outras cuestión serán abordadas por Touri, Doviro e Fede Pérez.
Xosé A. Touriñán fará de mestre de cerimonias e tamén dará boa conta das súas ocorrencias en varias intervencións no escenario. O cómico irá establecendo conversas coa súa compañeira e o seu compañeiro de escenario, Marta Doviro e Fede Pérez respectivamente, que tamén ofrecerán os seus propios monólogos.
“Trátase, en suma, de gañar por goleada ao ChatGPT e a outras creacións artificiais cun percorrido polos textos humorísticos que levan máis dunha década conquistando o público”, explican fontes de R, engadindo que o obxectivo é ante todo relatar, parodiar, reflexionar e cuestionalo todo para facer pasar unha tarde de diversión á fiel audiencia dos monólogos R.
Os monólogos R de 2024 arrincaron o pasado domingo 25 de febreiro no Auditorio Mar de Vigo da cidade olívica ás 19:00 h, en sesión única. Agora recalan no Palacio de Exposicións e Congresos, PALEXCO, o sábado 9 de marzo en dobre sesión: ás 17:00 h e ás 20:30 h. O aforamento é limitado e para acudir é preciso contar con algún dos convites de R para clientes ou coas conseguidas nos concursos de redes sociais.

PUBLICIDADE