6snap, a aplicación non oficial de Snapchat para Windows Phone 8

xoves, 21 de novembro do 2013 Marcus Fernández

O autodefinido como adicto a Windows Phone, Rudy Huyn, está a consolidarse como un dos principais valedores do sistema operativo móbil de Microsoft co desenvolvemento de aplicacións cliente non oficiais de servizos móbiles populares, e tras estrear 6sec (cliente de Vine) e 6tag (cliente de Instagram), publica 6snap, a primeira aplicación completa de Snapchat para Windows Phone, que facilita o intercambio de imaxes e vídeos con outros usuarios de Snapchat, conservando a característica principal desta plataforma que consiste en que os contidos compartidos teñen data de caducidade, tras a que se autodestrúen.
A nova aplicación permite publicar snaps coas nosas historias, ver as historias dos nosos amigos, debuxar e engadir texto sobre as nosas imaxes, buscar a amigos en Snapchat, utilizar as cámaras do móbil, administrar a privacidade de Snapchat e recibir notificacións cun ton personalizable. Pero 6snap non se limita a estas funcionalidades replicadas da aplicación de Snapchat para outras plataformas, senón que tamén é compatible coas lentes da cámara de Windows Phone, estende o hub de fotografías e conta cunha baldosa activa.
En vista de que tras a publicación de 6sec e 6tag os responsables de Vine e Instagram decidiron estrear as súas respectivas aplicacións oficiais, non sería de sorprender que en poucos meses vexamos oficialmente a Snapchat en Windows Phone. Tamén cómpre destacar que Snapchat está de máxima actualidade por mor dos rumores dos seus intentos de compra por parte de Facebook e Google, que terían ofrecido 3.000 e 4.000 millóns de dólares respectivamente para facerse con este curioso servizo.