Xa se poden presentar webseries ao Carballo Interplay, que repartirá máis de 5.000 euros en premios

luns, 9 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

Xa comeza a facer ruído un dos festivais máis queridos polos seareiros do novo audiovisual, das novas tecnoloxías e polo público crecente que constitúe o colectivo onde se xuntan e mesturan un eido (o audivovisual) e mailo outro (as TIC). Estamos a falar do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que vai pola súa quinta edición e que semella vir con máis forza ca nunca para converter a vila bergantiñá no Cannes das webseries (entre o 4 e o 7 de abril do ano que vén). Segundo nos conta a súa principal impulsora, Sonia Díaz (xunto co Concello), xa está aberto arestora o prazo presentarmos webseries ou proxectos de webseries ao festival. Repartiranse máis de 5.000 euros en premios. As persoas que queiran participar poden facelo dende hoxe mesmo ata o 18 de febreiro na web www.carballointerplay.com.
Segundo engade Díaz, as contribucións participantes, que deben ser producidas entre os anos 2016 e 2018 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento de inscrición, poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou animación, estatais ou internacionais. Respecto das categorías e das contías dos galardóns, sinalar que das achegas recibidas, un xurado composto por profesionais do mundo dos contidos en liña, do audiovisual e da cultura, así como de representantes de asociacións profesionais relacionadas co sector, premiará a mellor webserie, a mellor webserie internacional e a mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría.
A escolla do público, pola súa banda, levará 400 euros e trofeo. A mesma contía recibirá a contribución gañadora do premio do xurado novo, que nace nesta quinta edición do festival. Tamén haberá un premio ao mellor guión e un premio á mellor dirección, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse cadanseu trofeo á mellor actriz e ao mellor actor.
Por outra banda, o Carballo Interplay ofrecerá de novo un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto de webserie en galego. O galardón resolverase cun pitching en directo durante o festival e a dotación económica deberá destinarse á produción dos primeiros capítulos da webserie premiada, que se proxectarán na sexta edición do festival.