A Filmoteca de Galicia presenta a nova recuperación dixital de curtas producidas por Víctor Ruppen

luns, 25 de maio do 2026 Redacción

A Filmoteca de Galicia celebra este martes ás 20:30 horas, na sala José Sellier da Coruña, unha sesión especial centrada na recuperación de cinco curtametraxes producidas polo coruñés Víctor Ruppen entre 1975 e 1977. As proxeccións, integradas na sección Materiais para unha historia do cine en Galicia, permitirán ver novas restauracións dixitais de Fendetestas, Illa, O herdeiro, O cadaleito e O pai de Migueliño, nun labor desenvolvido pola Xunta de Galicia en colaboración con Filmoteca Española.
A sesión será de balde e contará coa participación de persoas vinculadas aos equipos das películas, así como á contorna familiar e profesional de Víctor Ruppen (A Coruña, 1940-2018), unha figura fundamental para comprender unha etapa decisiva na consolidación dun cinema galego con continuidade, aspiración profesional e vontade de conectar co público.
Arquitecto técnico de formación, Ruppen produciu un total de sete filmes e participou como socio nas cadeas de exhibición Valle-Inclán, en Santiago de Compostela, Alphaville, en Madrid, así como nas distribuidoras Musidora e Videogram. Despois de apoiar proxectos en súper 8, impulsou desde 1975 a transición cara a formatos profesionais, promovendo producións en 16 mm e 35 mm que abriron novas posibilidades de creación e distribución para os cineastas da época.
O ciclo recupera cinco obras que, desde perspectivas e autorías diversas, compartiron a intención de producir cinema en galego e en formatos que permitisen superar a marxinalidade amateur nun período marcado pola efervescencia cultural e política.
A sesión abrirase con Fendetestas, dirixida por Antonio F. Simón en 1975 e rodada en 35 mm, unha historia sobre un home que, condicionado polas circunstancias sociais da década dos corenta, acaba convertido en salteador de camiños. A continuación proxectarase Illa, de Carlos A. López Piñeiro, centrada na resistencia dun mozo mariñeiro a abandonar unha illa cada vez máis orientada ao turismo.
Completarán o programa O herdeiro, de Miguel Gato, sobre o regreso dun neto á aldea para asumir a herdanza do avó; O cadaleito, de Enrique Baixeras, arredor das relacións sociais no rural galego; e O pai de Migueliño, de Miguel Castelo, que recolle as lembranzas dun mozo antes de emigrar.
Co paso do tempo, estas curtametraxes acadaron unha consideración destacada dentro do cinema galego, tanto pola incorporación de elementos propios da identidade cultural galega como pola aposta por unha produción continuada arredor da curtametraxe.
A presentación destas restauracións en formato dixital enmárcase no labor da Filmoteca de Galicia para recuperar, conservar e divulgar o patrimonio audiovisual galego. O centro audiovisual da Xunta asumiu a redixitalización completa de Illa, mentres que o resto das obras forman parte dun traballo conxunto con Filmoteca Española, institución na que se conservaban os negativos orixinais. Esta colaboración permitiu restaurar as fitas, facilitar o seu regreso ás pantallas en condicións renovadas e asegurar a súa preservación de cara ao futuro.
A través da sección Materiais para unha historia do cine en Galicia, a cinemateca galega mantén unha programación estable dedicada á revisión de filmes, arquivos e documentos esenciais para comprender a evolución da creación audiovisual galega.