Vitae convoca un curso para converter as reunións de traballo en áxiles e produtivas

mércores, 11 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Entre as numerosas accións formativas que ten programadas a consultora galega Vitae para este outono, todas elas co nexo común de facernos avanzar como profesionais dos sectores máis estreitamente ligados á innovación, figura un curso directamente encamiñado a mellorar nas xuntanzas de traballo os parámetros de eficiencia, eficacia e rendibilidade. Estamos a falar do Curso Reunións Áxiles con Scrum, Axilidade Avanzada, unha actividade de 10 horas programada para os días 4 e 5 de outubro e impartida por Josefina Alonso. A cita vén con opción de Certificación Scrum Manager. Celebrarase en Vigo, no Centro Social Abanca, no número 24-26 da rúa Policarpo Sanz.
Segundo nos conta Vitae poñéndonos en antecedentes, as reunións constitúen decote unha perda de tempo e esforzo para os traballadores dunha empresa tecnolóxica, ou de calquera outro sector. Os principais inimigos das xuntanzas laborais son a falta de obxectivos claros, de axenda de traballo, de necesidades ou de expectativas. Todos estes condicionantes soen derivar en perdas de tempo ao abeiro dos nosos proxectos e organizacións. A nova achega formativa de Vitae tenta establecer unha serie de boas prácticas que nos axuden a realizar “reunións produtivas, curtas e que sexan quen de aportar valor, así como afondar nas xuntanzas máis relevantes de axilidade concretamente de Scrum”.
No obradoiro explicaranse as regras básicas así como os métodos e técnicas máis requiridos para conducir con éxito as reunións de Scrum. O curso proporciona 55 PDA para a Certificación Scrum Manager e, segundo informa Vitae, non é preciso ter cursado o curso troncal de Scrum Manager.
A encargada de impartir estes contidos será Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade coordinadora de Proxectos e responsábel de Seguridade da Calidade do Desenvolvemento de Software na dirección de Electrónica HMI do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG. Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).

PUBLICIDADE