Un pastilleiro intelixente e unha app cultural, no palmarés do Minimarket de AJE Ferrolterra

xoves, 22 de febreiro do 2024 S. P.

O Pazo da Cultura de Narón acolleu este mércores 21 de febreiro a entrega de premios á innovación e ao empuxo emprendedor do Minimarket de AJE Ferrolterra. Participaron, amais dos representantes da asociación empresarial, os 189 candidatos que optaban a gañar 5 premios en recompensa polo traballo dedicado durante meses nos seus proxectos empresariais.
Os responsábeis de elixir as gañadoras e gañadores foron as e os integrantes dun xurado especializado, formado por patrocinadores e autoridades de Ferrolterra, como foi a colaboración de Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón, en todo o proceso.
Os proxectos gañadores dos Accésit, foron o Cristo Rey de Ferrol na categoría de Innovación, que gañou co proxecto Dailypill baseado nun “pastilleiro intelixente” que promete mellorar a vida dos maiores, e a Compañía de María levouse o Accésit de Responsabilidade Social co proxecto Pequerrechos Baby Shop unha tenda ecolóxica e de segunda man para as necesidades dos máis cativos.
En canto ás categorías principais, en Mellor Proxecto na Categoría de ESO-Bacharelato gañou o IES Fene con Meetivity unha aplicación tecnolóxica para estar ao día de todos os eventos e actividades sociais que ten como obxectivo coñecer xente e reavivar a vida social de quen a descargue. Na categoría de FP os gañadores foron Alén As Terras do CPR Plurilingüe San José, cun proxecto dunha axencia de viaxes que garante unha experiencia totalmente personalizada para aproveitar ao máximo todo o que ofrecen as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e que busca promocionar a nosa zona.
Na nova Categoría de Universidades, a gañadora foi Clara Souto con Bebboppy. Esta estudante de Xestión Industrial da Moda achegou unha empresa centrada no benestar das mulleres, deseñando pezas encargadas de aliviar as dores menstruais por medio de fontes de calor.
Con esta xornada, ponse fin ao Programa Emprende Xove organizado cada ano pola asociación AJE Ferrolterra que non só promove a innovación e a creatividade, senón que mostra o traballo por conta propia como unha opción para todos os mozos que participan.

PUBLICIDADE