A asociación ICAPEM lanza unha ferramenta para axudarnos a deixar de fumar: EXMoker

mércores, 8 de maio do 2024 S. P.

Unha parte relevante do panorama actual de aplicacións tecnolóxicas está a virar cara o ámbito da saúde e a calidade de vida, achegándonos recursos de utilidade para a nosa actividade diaria. Neste ámbito é onde semella situarse EXMoker, unha ferramenta móbil dispoñíbel para Android e iOS que nos axudaría a deixar de fumar e, segundo sinalan os seus creadores, “a transformar as nosas vidas”.
A solución vén da man da ICAPEM, a Asociación para a Investigación do Cancro de Pulmón en Mulleres e foi desenvolvida co firme compromiso de “promover a saúde e o benestar”, ofrecendo “un enfoque personalizado e efectivo para todas as persoas fumadoras que desexan deixar de fumar”.
Con fin de poñernos en contexto, a asociación lembra que segundo os últimos datos en España o 22% da poboación maior de 15 anos é fumadora e dúas de cada tres persoas fumadoras queren deixar de fumar ou están a pensar en deixalo, pero moitas veces non saben como facelo.
EXMoker foi materializada por un equipo de profesionais da medicina con experiencia en “deshabituación tabáquica” e preséntase como unha solución para todas as persoas que buscan deixar de fumar de maneira efectiva. A aplicación proporciona unha folla de roteiro continuo de seis meses cunha ampla gama de ferramentas motivacionais, deseñadas para manter o compromiso do usuario. Desde seguimentos de progreso personalizados ata consellos diarios e recursos de apoio, EXMoker é quen de adaptarse ás necesidades individuais, “poñendo o foco sobre todo nas persoas fumadoras máis novas” e ofrecendo “información para previr o inicio do consumo de tabaco e conseguir así un estilo de vida libre de tabaco”, sinalan dende a asociación, que presentará máis detalles da ferramenta o vindeiro 29 de maio nunha rolda de prensa ás 12.00 horas no Petit Palace Savoy Alfonso XII.

PUBLICIDADE