Toshiba AT300 chega como un tablet de alta gama con Android 4.0 e prezo moderado

xoves, 24 de maio do 2012 Marcus Fernández

Aínda que cada vez chegan ao mercado máis tablets con Android a prezos económicos, normalmente chegan en tamaños de pantalla de entre 7 e 9,7 polgadas e con prestacións bastante limitadas, mentres que os de alta gama continúan nuns prezos elevados, que paulatinamente van rebaixándose, como acontecerá co Toshiba AT300, que veñen de anunciar que chegará en versións con 16 e 32 Gb de almacenamento interno por prezos de 329 e 379 libras esterlinas respectivamente (410,66 e 473,07 euros), o que non está nada mal para un tablet con tecnoloxía nVIDIA Tegra 3, 1 Gb de RAM , pantalla de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, cámaras de 5 e 2 Mpíxeles, un grosor de 8,95 milímetros e un peso de 590 gramos.
Este tablet ten potencia dabondo para correr xogos con gráficos tridimensionais esixentes, reproduce de xeito fluído vídeo en alta definición, conta cun procesador adicional ao nVIDIA Tegra 3 de catro núcleos para poder manexar as tarefas máis básicas mantendo unha autonomía de ata 10 horas, goza dunha resistente pantalla con Corning Gorilla Glass, Wi-Fi N, lector de tarxetas SD de ata 64 Gb, micro USB, saída micro HDMI, altofalantes estéreo e, como resulta evidente para un tablet actual, Android 4.0. Chegará ás tendas antes de finalizar o mes de xuño.

O Toshiba AT300 ten unha carcasa de aluminio e pantalla Corning Gorilla Glass

PUBLICIDADE