Sony quere achegar a fotografía a persoas con problemas de visión

luns, 13 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Sony presentou hoxe o lote DSC-HX99RNV que consiste nunha cámara compacta DSC-HX99 e un visor que emprega tecnoloxía de proxección láser de retina para que persoas con problemas de visión gocen dun novo xeito de ver e fotografar o mundo.
Por unha banda temos a cámara de viaxe Cyber-shot DSC-HX99, que co seu obxectivo 24-720 mm (o que equivale a un zoom de 30x) serve para basicamente calquera tipo de fotografía (así como para gravar vídeo en 4K); e se completamos este dispositivo co Retissa Neoviewer, que proxecta as imaxes captadas pola cámara directamente na retina do usuario, conseguimos que moitos usuarios con problemas de visión poidan gozar da fotografía, superando así un grande atranco (aínda que a experiencia muda moito en función dos problemas de visión concretos e incluso de cada individuo).
A cámara co visor de proxección retinal venderase a 599,99 dólares, prezo que suporía un importante desconto no visor (asumido por Sony, en apoio das persoas con problemas de visión) e a compañía nipoa recomenda achegarse a este produto nalgúns dos eventos promocionais que organizará, e nos que haberá persoas especializado que instruirá aos asistentes no uso desta interesante solución, aínda que tamén aceptarán devolucións por parte de compradores que vexan que este produto non funciona axeitadamente nos seus ollos.
Aínda que a tecnoloxía empregada polo visor Retissa Newviewer non sexa para uso clínico, resulta moi prometedora, xa que consegue empregar a retina do usuario como pantalla, conseguindo unha imaxe nítida sen ter que enfocar o ollo, incluso en zonas periféricas, o que poderiamos ver no futuro en moitos outros produtos como lentes conectadas, converténdose tanto nun xeito de recibir información directamente nos ollo, así como un sistema de axuda para as persoas con problemas de visión.

PUBLICIDADE