Simyo estréase coma OMV coas tarifas máis baixas do mercado

mércores, 30 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

O grupo holandés KPN entra no mercado español de telefonía móbil coa marca Simyo cunha oferta un 25% máis baixa que a máis barata que existe actualmente en España (Yoigo), cobrando 9 céntimos/minutos a calquera hora, nas modalidades de prepago e contrato e sen un consumo mínimo mensual, aínda que cun establecemento de chamada de 15 céntimos. As mensaxes de texto tamén se facturan a 9 céntimos, e as mensaxes multimedia a 29 céntimos.
O máis curioso desta nova oferta comercial non son só os seus prezos, senón tamén o feito de que se promociona instando ós usuarios a liberar os seus terminais telefónicos e usar a súa tarxeta SIM aínda que teñan contrato de permanencia (para aproveitar as súas tarifas vantaxosas).


Spot televisivo da nova operadora

Dende Simyo incluso explican que a liberación dos seus móbiles non é ilegal, pese a existir contrato de permanencia, pois a obriga contraída se refire ó servizo telefónico e non ó terminal.
Para animar ós usuarios a utilizar a nova operadora informan da posibilidade de darse de baixa directamente a través da súa web (dende a que se pode limitar o consumo, consultar as facturas ou xestionar o contestador), evitando os trámites necesarios con outras operadoras, e dirixíndose así a un público novo e principalmente afeito ás novas tecnoloxías. Pensando no mesmo tamén ofrecen conexións de datos a 9 céntimos por cada 100 Kbytes de transferencia ou 99 céntimos/día por unha transferencia máxima de 100 Mbytes. A conexión conta cunha cobertura 3G para o 73,6% de España, e de GPRS para o 98,8%.
O novo Operador Móbil Virtual funciona a través da rede de Orange, e a tódolos prezos mencionados anteriormente habería que engadir o IVE.