Santiago acolle o día 15 unha xornada para axudarnos a protexer os datos das mans alleas

martes, 29 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

A ETSE de Santiago de Compostela, sede da xornada

A Escola Técnica Superior de Enxeñería de Santiago de Compostela vai acoller o vindeiro 15 de decembro un encontro divulgativo destinado a pór de manifesto diferentes métodos e recursos para garantir a salvagarda na Rede dos nosos datos, sexan persoais, dunha administración ou dunha empresa. As xornadas, a celebrar no salón de actos da Escola e máis na aula i1 (os obradoiros), responden en boa medida ás necesidades da sociedade actual, cada vez máis inserida nas redes, cada vez demandando e xestionando máis información e cada vez máis global e, polo tanto, máis exposta dende o punto de vista dos datos.
A Xornada de Seguridade vén da man da Asociación Geiser e desenvólvese co obxectivo de pór en contacto coa protección do coñecemento a “todas aquelas persoas que nalgún intre poidan ser susceptíbeis de estar loitando, dende o punto de vista técnico, con algún problema relativo á seguridade ou ao roubo da información”. Profesionais do sector como por exemplo José Antonio Pizarro Bedoya (responsábel da Unidade de Seguridade da Área TIC da Universidade de Santiago) ou Javier Berciano (coordinador de servizos reactivos e operacións do INTECO-CERT) abordarán as súas respectivas experiencias no seu día a día de conseguir que o coñecemento privado de cada estea nas mans de cada quen e vaia dar, unicamente, a quen se desexe dar.
O horario das actividades será o seguinte:
10:00-10:30: Apertura
10:30-11:15: Funcións e Arquitectura de seguridade na USC (Jose Antonio Pizarro Bedoya)
11:30-14:00: Obradoiro: Flu e outras rapazas comúns (Flu Project)
16:00-17:30: Xestión de incidentes nun CERT, aproximación técnica (Javier Berciano Alonso e José Valentín Gutiérrez Boquete)
17:30-19:00: Delitos na rede. Anatomía dunha extorsión. Introdución á Análise Forense Informática (Pedro Sánchez Cordero)

PUBLICIDADE