Samsung presenta un novo monitor curvo ultra-panorámico

martes, 23 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Samsung Electronics quere avanzar nas experiencias visuais inmersivas e presenta o seu novo monitor curvo SE790C, que pretende resultar válido tanto para o consumo audiovisual máis cativador como para un uso produtivo da multi-tarefa. Este monitor curvo ten unha diagonal de 34 polgadas, unha relación de contraste moi elevada (3.000:1) e un formato moi panorámica, xa que a súa resolución é ULTRA-WQHD (3.440 x 1.440 píxeles) o que supón unha proporción de 21:9, máis propia das salas cinematográficas que dos escritorios informáticos.
A curvatura deste monitor consegue das a sensación de estarmos ante un monitor de maior tamaño, á vez que consegue conformar unha imaxe máis natural para o ollo humano, o que debería axudar a reducir a fatiga visual. Para axudar neste aspecto tamén estamos ante un monitor cun bo brillo (300 cd/m2) e un ángulo de visión de 178 graos tanto en vertical como en horizontal.
Para levar a multi-tarefa, o xogo, e a visualización de películas a un novo nivel, o Samsung SE790C tamén está equipado Picture-by-Picture e Picture-in-Picture 2.0, de xeito que permiten ao usuario conectar de xeito doado 2 dispositivos como un ordenador de sobremesa, un portátil, unha consola de videoxogos ou un receptor de televisión e velos simultaneamente no mesmo monitor sen comprometer a calidade dos contidos, xa que non tería que reducir a calidade dos vídeos para poder amosalos en pantalla. O monitor tamén incorpora 4 portos USB 3.0 con función de carga rápida, para facilitar a conexión de múltiples dispositivos ao noso ordenador.
Polo momento non se detallaron nin o prezo nin a data de lanzamento deste impresionante produto.

PUBLICIDADE