Samsung presenta os novos portátiles Galaxy Book4

venres, 15 de decembro do 2023 Marcus Fernández

Samsung presenta a súa nova liña de ordenadores portátiles, os Galaxy Book4, composta polo Galaxy Book4 Ultra, o Galaxy Book4 Pro e o Galaxy Book4 Pro 360, cos que buscan adaptarse a distintos perfís de cliente que buscan o último en produtividade, mobilidade e conectividade.
Esta nova liña de portátiles está equipada co novo procesador Intel Core Ultra 9, que destaca por integrar CPU, GPU e NPU, ou sexa, que está preparado para funcións de intelixencia artificial. Tamén pode equiparse cunha gráfica nVIDIA GeForce RTX 4070, o que tanto permite gozar de xogos de grande calidade como dun mellor desempeño xerando imaxes a partir de texto con Stable Diffusion.
O Galaxy Book4 Ultra contará cunha pantalla AMOLED de 16 polgadas cunha resolución de 2.880 x 1.800 píxeles e até 120 Hz de velocidade de refresco. Pode configurarse con até un procesador Intel Core Ultra 9, gráfica nVIDIA GeForce RTX 4070 con 8 GB de memoria GDDR6, 64 GB de memoria LPDDR5X e 2TB de almacenamento SSD (PCIe). A súa batería é de 76Wh e inclúe adaptador USB-C de 140 watts.
O Galaxy Book4 Pro é máis modesto, con modelos con pantalla de 14 e 16 polgadas, un procesador Intel Core Ultra 7 como máximo, unha gráfica discreta Intel Arc, até 32 GB de RAM e até 1 TB de almacenamento, polo que podemos entender que é un equipo destinado a un público máis amplo, grazas ao seu prezo contido.
Para os que busquen pantalla táctil estaría o Galaxy Book4 Pro 360, que basicamente é unha variante do Pro con pantalla de 16 polgadas, co detalle de que podería manexarse cos dedos sobre a pantalla ou empregando un S Pen.
Estes equipos comezarán a chegar ao mercado en xaneiro, comezando por Corea do Sur.

O Gaalxy Book4 Pro 360 conta cunha pantalla táctil de 16 polgadas

PUBLICIDADE