Salvador Naya presenta o proxecto da Cidade das TIC nun simposio internacional na Universidade de Durham

luns, 4 de xullo do 2022 S. P.

Imaxe aérea da antiga Fábrica de Armas, hoxe en día Cidade das TIC O vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Salvador Naya, participou como relator nun simposio internacional con varios expertos de todo o mundo, celebrado na Universidade de Durham co obxectivo de “debater a protección do patrimonio cultural”. Neste foro analizouse, entre outros temas, a recuperación de espazos ou a xestión do patrimonio cultural ante os problemas económicos, sociais, políticos e globais e como se pode axudar ás institucións e organizacións patrimoniais desde a Universidade.
O simposio incluíu unha mesa de debate copresidida polo profesor da UNESCO Robin Coningham, co Departamento de Arqueoloxía da Universidade de Durham e a doutora Mariann Hardey, da Escola de Negocios, con contribucións adicionais de especialistas que se uniron ao panel desde Ucraína. Nesta mesa discutiron os efectos do actual conflito en Ucraína sobre o patrimonio cultural e o que hai que facer para protexer e reconstruír o patrimonio cultural do país.
Outros relatores foron o profesor decano executivo Kieran Fernandes, que abriu o evento, a coordinadora do Patrimonio Mundial de Durham, Jane Gibson, e a profesora de medios interactivos da Universidade de York, Marian Ursu. A eles uníronse o presidente da Asociación de Investigación de Viaxes e Turismo, Olivier Henry-Biabaud, e o profesor asociado de Estudos de Turismo Cultural en Chiang Mai, Ploysri Porananond.
A recuperación-transformación da antiga Fábrica de Armas da Coruña
Neste contexto, a intervención do vicerreitor Naya tratou sobre a experiencia da recuperación da antiga Fábrica de Armas coruñesa nun proxecto innovador no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), como é o da Cidade das TIC. Baixo o título ICT city Project (Project to create an ICT and digital innovation in A Coruña), o vicerreitor explicou a transformación que se pretende levar a cabo co liderado da Universidade da Coruña, espertando gran interese entre os asistentes ao simposio.

PUBLICIDADE