SES Astra amosou en Santiago os atrancos e gastos que está a xerar o uso integral da TDT

martes, 18 de novembro do 2014 Fernando Sarasketa

Luis Sahún, director xeral de SES Astra, este martes en Santiago

A empresa SES Astra estivo este martes en Santiago para reunirse con profesionais e empresas da nosa terra do ámbito da TV e as telecomunicacións e, tamén, para dar a coñecer aos medios de comunicación os seus puntos de vista sobre os cambios que estamos a vivir por mor da liberación do Dividendo Dixital (a liberación da banda 800 MHz para dar sitio aos operadores de telefonía e a súa tecnoloxía 4G), algúns deles molestos para a cidadanía (resintonización, reantenización) e, en palabras da empresa, caros de máis. A mensaxe de SES Astra foi clara: en 2010 a Administración central tomou a decisión equivocada ao apostar de xeito integral pola Televisión Dixital Terrestre, a TDT.
Segundo fixo saber aos medios Luis Sahún, director xeral da compañía, daquela (en 2010) xa se sabía que se ía ter que liberar o Dividendo (en varios procesos) e tamén se sabía que ía haber interferencias coa 4G, igual que se coñecía que a TDT non era a mellor opción para amplas áreas da nosa xeografía. “O ideal”, dixo Sahún, “tería sido un escenario de convivencia de tecnoloxías onde cada quen puidese elixir a que máis e mellor lle acaese”. Pola contra, esta situación, engadiu, si que se dá noutros países da nosa contorna, o que pon a España nunha situación de clara desvantaxe e perdendo unha boa cantidade de oportunidades de desenvolvemento. “O satélite é inmune a todos estes cambios e transformacións que se fan con diñeiro público, e que se impulsan con axudas que temos que pagar todas e todos”, explicou o director xeral de SES Astra, quen tamén quixo romper unha lanza a favor da igualdade: “Queremos que se trate ao satélite de xeito neutral con respecto a outras tecnoloxías”. Na súa opinión, este intre que estamos a vivir, cos problemas de adaptación dos que imos ser testemuñas (e “vítimas”) ao longo dos meses vindeiros, é o intre de rectificar.
A xuntanza en Santiago de SES Astra cos profesionais galegos artellouse en base a unha serie de presentacións. Unha delas tivo que ver coa televisión con tecnoloxía de Ultra Alta Definición, da que se puido ver un exemplo nun dos claustros do Hotel Monumento San Francisco, cunha pantalla Samsung recibindo sinal por satélites Astra e achegando unha calidade de 8 millóns de píxeles. A conto da abraiante calidade de imaxe e son fornecida, os responsábeis de SES Astra sinalaron que botando man da TDT “sería imposíbel” acadar un nitidez e definición semellante.
A compañía SES Astra, que conta con máis de 50 satélites en órbita cubrindo o 99% da poboación mundial, amosou en Santiago (paralelo ao encontro coa prensa) os detalles sobre os vindeiros pasos do audiovisual en Galicia. Segundo fixo saber a firma, “non será a derradeira vez que a TDT sufra modificacións”. Ao fío disto, Luis Sahún engadiu que “o espectro radioeléctrico é limitado, e a demanda de servizos de mobilidade medra de xeito exponencial, polo que xa está decidido que a banda de 700 MHz se asigne a estes servizos, tendo que acometerse unha vez máis, no futuro, novas actuacións e investimentos no que afecta á TDT”.
Tamén fixo saber que en xuño de 2013, a Comisión Europea de Competencia declarou ilegais e incompatíbeis co mercado europeo as axudas públicas encamiñadas a dixitalizar a televisión en zonas remontas e pouco poboadas do Estado, incluída Galicia, lugares alén dos compromisos oficiais de cobertura. A Comisión, dixo, determinou a obriga de recuperalas dos beneficiarios das mesmas. Como consecuencia disto, “o conxunto de Comunidades Autónomas deberá recuperar dos beneficiarios máis de 230 millóns de euros”. O gasto público encamiñado en Galicia a dixitalizar a TV nestas zonas ascendeu entón “a 17 millóns de euros”, engadiu.

PUBLICIDADE