SES Astra amosa este martes en Santiago as oportunidades e atrancos que deixa o Dividendo Dixital
luns, 17 de novembro do 2014

- O Hotel Monumento San Francisco de Santiago, sede da xornada
O Hotel Monumento San
Francisco de Santiago vai acoller este martes unha
xornada dirixida a expoñer e avaliar o escenario no que atopamos
logo de que comezase a liberación do Dividendo Dixital, un
proceso que implica o despregamento da tecnoloxía 4G na banda 800
MHz, o que fixo preciso que se deixase ceiba esta banda e que se
levase a cabo un proceso xeral de adaptación das antenas dos
edificios. Pois ben, que queda despois do Dividendo Dixital? Segundo
os organizadores da xornada (Os retos da televisión en Galicia)
que se celebra este martes en Santiago, podemos dicir que queda máis
do que había, e malia as cousas boas postas en xogo, non todo
semella positivo.
Para comezar, ademais do
que nos afecta estes días, haberá un novo proceso de reantenización
da TDT no futuro; a maiores produciranse interferencias entre TDT e
4G a partir do 1 de xaneiro de 2015. Os responsables da cita en
Compostela, a empresa SES
Astra, tamén sinala que é máis que previsible que se convoque
un novo concurso público para levar a TV a zonas rurais da nosa
terra. Estes e outros temas serán os eixes temáticos da xornada, un
encontro que contará coa presenza de Luís Sahún, director xeral de
SES Astra en España, que manterá un encontro cos medios de
comunicación (arredor das 11.00 horas) antes do seminario que todos
os anos reúne aos instaladores de telecomunicacións da zona.
A compañía explicará
como afectarán ao audiovisual galego os diferentes procesos de
reantenización e Dividendo Dixital (o primeiro agora en marcha e o
segundo previsto para 2018 aproximadamente) e as interferencias entre
servizos de TDT e 4G que terán lugar a partir do un de xaneiro de
2015. SES exporá tamén as súas intencións de presentarse a un
novo concurso público, se se convocará en Galicia, para levar a
televisión a zonas remotas e pouco poboadas da nosa xeografía tras
a decisión da Comisión Europea de declarar "ilegais e incompatibles"
(podemos ver a declaración
completa en PDF) as axudas destinadas no seu día a este servizo,
“xa que non eran neutrais dende o punto de vista tecnolóxico nin
foron comunicadas a Bruxelas”, anuncia a compañía.
Por último, a través
dunha pantalla en Ultra Alta Definición (multiplica por 4 as
capacidades a Alta Definición actual), SES explicará as últimas
previsións de mercado do que cualifica como “o vindeiro chimpo
cualitativo da televisión”.
