Realme reforza a súa presenza no mercado de tabletas

venres, 27 de maio do 2022 Marcus Fernández

O fabricante chinés de maior crecemento en España nos últimos meses, Realme, atreveuse a entrar no mercado das tabletas coa Realme Pad, dobrando nos últimos días a aposta coa Realme Pad Mini, que xa está dispoñible no mercado español e, continuando a avanzar nesta dirección presentou en China a nova Realme Pad X, a tableta máis avanzada da marca, que pode reservarse por 1.299 iuans (181 euros) na súa versión con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, contando tamén cunha versión con 6 GB de RAM e 128 GB de capacidade que ten un prezo de 1.599 iuans (223 euros).
A Realme Pad X ten unha pantalla 2K de 11 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 695, lector de tarxetas microSD de até 512 GB, 4 altofalantes compatibles con Dolby Atmos, cámaras de 13 e 8 Mpíxeles, batería de 8.340 mAh con carga rápida de 33 watts, un grosor de 7,1 milímetros e un peso de 499 gramos. Pode complementarse cun lapis dixitalizador de 16,5 gramos de peso (que pode adherise magneticamente á tableta) ou cunha funda-teclado, converténdose nun produto moi interesante para creadores e profesionais. Confiamos en que chegue en poucas semanas a España.

A Realme Pad X é compatible cun lapis dixitalizador, o que a converte nun produto moi versátil

PUBLICIDADE