Rasmus Lerdorf e Mary Hodder, convidados de honra á Campus Party deste ano

mércores, 2 de abril do 2008 Raquel Noya

A Campus Party de Valencia, unha das festas informáticas de máis sona e renome do mundo, vén de anunciar os distintos obradoiros, actividades e seccións coas que contará na súa 12ª edición, a celebrar entre o 28 de xullo e o 3 de agosto no recinto feiral valenciano. Esta celebración anual, pola que xa pasaron recoñecidas personalidades como Al Gore, Neil Amstrong, Stephen Hawking, Rudolph Giuliani... recibe este ano a Rasmus Lerdorf, o inventor de PHP e á blogueira fundadora de Dabble.com, Mary Hodder, considerada como unha das 50 bloggers máis influentes dentro da esfera internacional.
Os asistentes á vindeira edición desta festa informática internacional, ademais de atopar as áreas habituais coas que viñan experimentando nos últimos anos: astronomía, CampusBot, CampusCrea, GoogleHack, xogos, modding, simulación, Software Libre... poderán probar novas experiencias virtuais na Campusblog, unha nova sección que nace como gran novidade este ano e que a organización creou “como resposta a unha tendencia que aumenta día a día”.
Os mellores bloggers do panorama hispano e a presenza dun convidado internacional servirán para analizar e procurar o mundo deste fenómeno, axudando tamén a aqueles que se están iniciando na blogosfeira.
Outra das iniciativas que máis peso vai ter nesta 12ª edición de Campus Party será Campus Futuro, unha zona de acollida das novas tendencias na que se poderán ver revolucionarios gadgets e proxectos chegados directamente de Xapón, Alemaña, Italia e Austria entre outros, como Pileus, un proxecto de estudantes xaponeses que converteron un sinxelo paraugas nun acceso a Internet a través da tecnoloxía Wi-Fi.
Ó igual que outros anos, a organización ofrece a posibilidade de quedar aloxado no propio recinto ou trasladarse a calquera dos hoteis para acudir só a aquelas actividades que máis nos interesan.

PUBLICIDADE