RIM actualiza o software do seu tablet

mércores, 11 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

Co gallo do CES a canadense Research In Motion amosou as novas características coas que contará o BlackBerry PlayBook OS 2.0, levando ao PlayBook a converterse nun tablet de verdade, xa que a actualización do seu sistema operativo incorpora correo electrónico, calendario e axenda de contactos ao que parecía un produto maldito que padecía unha incomprensible dependencia de móbiles BlackBerry.
A aplicación de correo electrónico de BlackBerry PlayBook OS 2.0 achega unha experiencia de mensaxería avanzada (cunha bandexa de entrada unificada, multi-tarefa, composición e edición de texto enriquecido e útiles funcións de administración); o calendario facilita a consulta das nosas actividades programadas integrando información de utilidade sobre os contactos cos que teñamos xuntanzas; o tablet de RIM incorporará a posibilidade de controlalo remotamente mediante un móbil BlackBerry (algo especialmente práctico ao conectar o PlayBook a un televisor mediante HDMI); pode acceder aos documentos dun móbil BlackBerry a través de BlackBerry Bridge; actualiza a solución de produtividade Documents To Go; e incorpora moitas outras aplicacións e contidos, aínda que deberemos agardar ao mes de febreiro para que estea dispoñible esta actualización de balde para o tablet de 7 polgadas de RIM.

PUBLICIDADE