R renova o seu acordo con APD no camiño de fortalecer ás empresas galegas

mércores, 8 de febreiro do 2023 S. P.

Ana Sánchez, directora da Asociación para o Progreso da Dirección (APD) da Zona Noroeste e Alfredo Ramos, director da operadora de orixe galega R, selaron este mércores 8 de febreiro a renovación do acordo de colaboración entre ambas as entidades na sede da firma de telecomunicacións na Coruña. Co novo convenio actualízase a aposta que xa estaban a desenvolver empresa e asociación en aras do “desenvolvemento de iniciativas orientadas a xerar valor nos membros da comunidade empresarial e, en suma, nas propias compañías”, sinalaron.
Alfredo Ramos destacou que un ano máis trátase de “renovar o noso compromiso de seguir acompañando ás empresas de Galicia no seu percorrido para a dixitalización plena. E iso implica colaborar con APD de novo no intercambio de experiencias e na formación dos directivos dos nosos negocios (…) Superamos unha pandemia camiñando coas compañías do país e grazas a servizos de telecomunicacións pensados por e para as persoas. Focalicemos agora nas inxentes posibilidades da telefonía 5G, da Intelixencia Artificial e de tantas e tantas opcións que as tecnoloxías de última xeración ofrécennos para que as empresas optimicen os seus recursos e, sobre todo, poidan competir a calquera nivel no mundo”.
Pola súa banda a directora de APD, Ana Sánchez, fixo fincapé en que “seguir traballando conxuntamente en encontros que favorezan o networking e a xeración de oportunidades é esencial para acompañar ás empresas na procura da excelencia empresarial. É a mellor contribución que podemos facer para que as compañías consigan as ferramentas para mellorar a súa competitividade”.
Ramos engadiu que a renovación do acordo “referenda o compromiso de R coa contorna empresarial do territorio, máis aló da actividade institucional”. Este obxectivo, dixo, é extensíbel tanto a entidades privadas como públicas e tendo en conta a profesionais que interveñan directamente ou de maneira delegada no goberno ou administración das compañías e organismos.
Entre as actividades concretas que se van a desenvolver en Galicia neste novo tramo de colaboración R-APD destaca unha sesión do Club CEO, xantar exclusivo destinado á alta dirección das empresas en que, sendo anfitrioas ambas as entidades, patrocínase o encontro convidando a un número de ata dez máximos/as responsábeis empresariais. Durante o evento ofrécese o relatorio dun/a CEO (director executivo) sobre un tema de actualidade empresarial ou novas tecnoloxías e dixitalización.
O convenio inclúe igualmente un encontro APD Talks sobre tecnoloxía e negocio, na mesma liña de fomentar o contacto con persoas experts en foros onde se discuten solucións a retos do mundo actual; á vez, compártense ferramentas e coñecementos de acceso ás tendencias que están a cambiar ás persoas e ás empresas. Así se fixo o pasado 1 de febreiro na Coruña, nun encontro APD Talks titulado Como empregar a IA para o crecemento do teu negocio, onde expertos nesta innovadora área das novas tecnoloxías explicaron as claves para converter a Intelixencia Artificial en aliada das empresas, aforrando en custos e optimizando recursos. O auditorio de directivas e directivos empresariais puido achegarse, ademais, a casos reais de éxito na aplicación dalgunhas das potencialidades da IA.

PUBLICIDADE