R ofrecerá Gol TV aos seus clientes de televisión de pago

venres, 21 de agosto do 2009 Marcus Fernández

Como era previsible, o operador galego de cable R anunciou que incorpora a súa oferta de televisión de pago a canle Gol Televisión, de xeito que os seus clientes que teñan contratado os paquetes que inclúen televisión de pago (comboR e combo2) poden subscribirse adicionalmente á canle deportiva por 14,9 euros + IVE ao mes.
A contratación de Gol TV non precisará de alta, pero o seu período de contratación mínimo será ata o 30 de xullo de 2010 (en caso de baixa anticipada habería que facer fronte a unha penalización de 45 euros + IVE), condicións que entendemos que serán parellas ás de outras plataformas que tamén ofertan a canle que devolve a TDT de pago a España rodeada de certa polémica sobre a improvisación da media.
Gol TV ofrecerá aos seus subscritores 3 partidos de fútbol por xornada de Primeira División (un dos mesmos do Real Madrid ou do F.C. Barcelona), 76 partidos por tempada de Segunda División, 84 partidos por tempada da Champions League, os partidos preparatorios para o Mundial de Fútbol de 2010, distintas ligas internacionais e, aínda que pareza un tanto rechamante, tamén emitirán Eurobasket.