Proban en Vigo as posibilidades da 5G para desenvolver solucións Smart Campus

mércores, 9 de marzo do 2022 Redacción

A Escola de Telecomunicacións da Universidade de Vigo foi escenario hoxe dunha nova experiencia ao redor da tecnoloxía 5G co obxecto de probar os beneficios deste novo estándar das telecomunicacións para desenvolver solucións de seguridade e Smart Campus nos recintos de ensino.
A proba, que levan a cabo Orange, Ericsson e Optare Solutions para a Universidade de Vigo, desenvólvese no marco aplicación do programa para o desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G, que executa Red.es, co apoio, neste caso, da AMTEGA.
A través das experiencias que están a desenvolver as distintas entidades participantes neste piloto, puidéronse confirmar as vantaxes que achega a tecnoloxía 5G en termos de inmediatez ou número de dispositivos conectados en termos de seguridade e control do tráfico nos accesos e instalacións da universidade.
Así, por exemplo, grazas á tecnoloxía 5G pódese identificar, en tempo real, ás persoas acreditadas para acceder ao recinto protexido da universidade, activando de forma inmediata os servizos de alarma e gravación de imaxes en caso de accesos non autorizados. Para a realización destas probas, fíxose uso de drons, que permiten realizar vixilancia e recoñecemento, e grazas á rede 5G de Orange, enviar e procesar rapidamente a información recibida dos seus cámaras co fin de tomar decisións áxiles #ante a detección de eventos inesperados.
As prestacións avanzadas da tecnoloxía 5G pódense aplicar tamén ao desenvolvemento de solucións Smart Campus, grazas á súa aplicación á medición do tráfico de transeúntes e vehículos no recinto universitario, facilitando así unha xestión intelixente dos recursos e instalacións.
Ao acto de presentación deste caso de uso asistiron: por parte de AMTEGA, Miguel Rodríguez Quelle, director da área de Sociedade Dixital; por parte de Red.es, Francisco Javier García Vieira e María Fernández Rancaño, director e directora adxunta de Servizos Públicos Dixitais; en representación da Universidade de Vigo, o vicerreitor Manuel Ramos Cabrer; por parte de Orange, Óscar Aragón e Jesús Costoya, director territorial de Relacións Institucionais e responsable de Grandes Contas de Orange en Zona Norte, respectivamente; e, finalmente, en representación de Optare Solutions, Luís Alves, director xeral da firma.
Todos eles sinalaron a facilidade que ofrece a tecnoloxía 5G para a transferencia tecnolóxica e acceso entre universidades e empresas facilitando un mellor aproveitamento dos espazos e a seguridade de todo tipo de recintos con gran afluencia de persoas, como son os educativos.
Este proxecto enmárcase no Plan Nacional 5G, o programa para o desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G que executa Red.es, impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e para a súa execución en Galicia formouse unha UTE composta por Orange, cinfo, Gammera Nest e Optare Solutions e outras entidades colaboradoras.

PUBLICIDADE