Preséntanse novas edicións facsimilares e dixitais da prensa da emigración e o exilio galegos

mércores, 5 de marzo do 2008 Raquel Noya

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de presentar cinco novas edicións facsimilares ou en formato dixital doutras tantas publicacións da emigración e do exilio galego que, entre outras cousas, servirá para “dar a coñecer e comprender o papel que os galegos da diáspora desenvolveron en distintas etapas históricas” tal e como indicou a secretaria xeral do devandito departamento, Marisol López.
O director do proxecto de recuperación de prensa galega da emigración e do exilio, Luís Alonso Girgado, foi o encargado de dar a coñecer as características destas publicacións, que se poñen agora á disposición de todas as persoas interesadas, froito do traballo realizado no centro durante os últimos meses.
Saudade (México, D.F., 1942-53), subtitulada Verba galega das Américas, é unha das publicacións xornalísticas da nosa diáspora escrita en galego na súa práctica totalidade, de carácter galeguista e con información literaria, cultural e política que se recupera xunto con Galicia(A Habana, 1904-1905), unha cabeceira tirada en formato libro e máis en CD de carácter informativo e societario comprometido co uso e a divulgación da língua.
Por último, presentouse a recuperación en facsímile dos catro únicos números da revista Mundo Gallego, editada en Bos Aires entre 1951 e 1952.

PUBLICIDADE