Presentan en Magaluf a primeira coprodución de ficción entre TVG e RTPA

mércores, 27 de maio do 2026 Redacción

A TVG e a RTPA (Radio Televisión do Principado de Asturias) presentaron en Mallorca o proxecto Coworkinaos no marco de Conecta Fiction & Entertainment, un dos principais mercados internacionais da industria audiovisual e televisiva. Trátase da primeira coprodución de ficción orixinal impulsada conxuntamente polas dúas televisións públicas autonómicas.
A estrea da serie está prevista para o outono de 2026. Defínese como unha fast comedy premium centrada en personaxes e situacións recoñecibles, construída arredor das contradicións da sociedade actual: a nova ruralidade, as segundas oportunidades e a procura de comunidade nun mundo hiperconectado. O relato aborda desde o humor e a ironía cuestións como o teletraballo, o regreso ao medio rural, a reinvención profesional, a convivencia interxeracional, o esgotamento emocional ou as novas dinámicas sociais xurdidas tras a pandemia.
A produción de Multiple by People desenvólvese de maneira natural entre o galego e o asturiano, linguas que conviven na serie coa mesma proximidade e autenticidade que os seus personaxes, reforzando así a identidade do proxecto. Coworkinaos tamén busca conectar coas comunidades galegas e asturianas no exterior, especialmente en América Latina, onde existe unha importante diáspora vinculada cultural e emocionalmente aos dous territorios.
A ficción presenta seis personaxes pertencentes a xeracións e realidades moi diferentes que tentan reconstruír as súas vidas compartindo espazo de traballo, incerteza profesional e convivencia diaria. O reparto combina intérpretes galegos e asturianos. Participan Elena Seijo, Esther Estévez e Ángel Blanco pola parte galega, mentres que Eduardo Antuña, Félix Corcuera e María Cotiello integran o elenco asturiano. A dirección está a cargo do realizador asturiano Samu Fuentes.
Durante a presentación en Conecta Fiction & Entertainment tamén se deu a coñecer o proxecto Asturias e Galicia crean ficción, unha iniciativa promovida polas dúas televisións públicas para impulsar un novo modelo de colaboración audiovisual baseado na produción compartida, na creación de propiedade intelectual e no desenvolvemento de contidos de ficción nas linguas propias de ambos territorios.
Coworkinaos nace precisamente ao abeiro desta iniciativa, coa intención de abrir novas vías de cooperación creativa entre profesionais e produtoras de Galicia e Asturias.