Poñen á venda na India un smartphone con Firefox OS por só 1.999 rupias (25 euros)
martes, 26 de agosto do 2014
Mentres o mercado da telefonía móbil parece monopolizado por
Android, dende Firefox queren que tal tecnoloxía sexa aínda máis económica e
aberta, polo que levan anos traballando en Firefox OS, un sistema operativo
móbil baseado en tecnoloxías web que fai moi libre o desenvolvemento de
aplicacións e que está a dar tímidos pasos en países en vías de
desenvolvemento, nos que poderían ter interesantes oportunidades grazas a
dispositivos como o Index
Cloud FX, terminais que esta semana poñen á venda por
1.999 rupias (25 euros) a través de Snapdeal.com.
Temos así que Firefox OS fai posible vender un smartphone a prezo dun terminal
móbil básico, aínda que para iso ofrece unhas prestacións moi limitadas, xa que
funciona cun procesador a 1 GHz, con 128 Mb de RAM, 256 Mb de almacenamento
interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 4 Gb), pantalla de 3,5
polgadas, dobre SIM, Wi-Fi, Bluetooth e cámara traseira de 2 Mpíxeles,
esquecendo detalles que en Europa poderiamos dar por supostos como a
conectividade 3G.
Comercializar o smartphone máis barato da India pode democratizar o acceso á
tecnoloxía, e aínda que esteamos ante un dispositivo que resulta inaceptable
para un usuario europeo, é un bo xeito de facilitar que os cidadáns de países
en vías de desenvolvemento poidan introducirse aos servizos dixitais que
resultan cruciais para avanzar na sociedade global.