Política Lingüística conmemorará a figura de Ramón Piñeiro cunha nova sección web

xoves, 1 de xuño do 2023 S. P.

A Xunta, a través da Secretaria Xeral de Política Lingüística, conmemora estes días, con diversas actividades, o 108 aniversario do nacemento do intelectual e político Ramón Piñeiro. Entre as actividades desenvolvidas atópase a colocación dun busto conmemorativo no claustro do Pazo de San Roque ou a posta en marcha dunha nova sección na web do Centro Ramón Piñeiro.
O devandito busto, obra do ourensán Ramón Conde, instalouse este mércores 31 de maio no Pazo de San Roque, sede do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. No acto, no que tamén se avanzaron as actividades que este centro programa no Ámbito de Estudos en Historia Contemporánea para os próximos meses, participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen indicou que Ramón Piñeiro “é un home que traballou sempre por Galicia e sen buscar destacar, coido que con todo non había de estar desgustado con esta homenaxe que lle rendemos hoxe, pero desde logo había sentirse feliz de ver como se incorporan ao centro de investigación que leva o seu nome novas propostas”.
Canda o representante autonómico tamén interviñeron Manuel González González, coordinador científico do centro; Amancio Liñares, director do Ámbito de Estudos en Historia Contemporánea do centro; Armando Requeixo, secretario, e o escultor Ramón Conde.
Actividades previstas
Entre as propostas que o Centro Ramón Piñeiro programa no seu Ámbito de Estudos en Historia Contemporánea de cara aos vindeiros meses están a creación dun espazo propio na sección de Proxectos da páxina web do Centro Ramón Piñeiro, que incluirá a edición das conferencias das Xornadas Olladas no pasado, 2022 (Ramón Piñeiro e o seu tempo, 1915-1990. Galicia nas décadas de Ramón Piñeiro); así como a celebración dunha segunda edición deste encontro, organizado este ano arredor dos 40 anos da Lei de Normalización Lingüística (1983-2023), que terá lugar o 3 e 4 de novembro.
Ademais, esta área de investigación programa unha reprodución facsimilar do Caderno da Exposición sobre o Seminario de Estudos Galegos, que celebra este ano o seu centenario; unha publicación homenaxe a Manuel Murguía en Bos Aires ou o XLVI Caderno Ramón Piñeiro, dedicado a Francisco Fernández del Riego, cuxa presentación a finais de ano pecharase a programación institucional arredor do homenaxeado nas Letras Galegas 2023.

PUBLICIDADE