Os internautas elixirán as mellores innovacións do ano nos Premios MuyComputer

martes, 8 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Nisto das novas tecnoloxías da información, coma en tantas outras cousas, semella que non chega con desenvolver algo (un produto, un servizo, un equipamento) que sexa especialmente diferente e salientable, cómpre ter recoñecementos que o avalen e o poñan en primeira liña informativa. Certames como os Premios MuyComputer, que vén de convocar Total Publishing, axudan a acadar esta dupla excelencia de ser innovador e ademais parecelo. A iniciativa, que abriu o seu prazo de votacións este 3 de setembro (que ficará aberto até o 15 de outubro), xorde co obxectivo de convocar a colaboración dos internautas para recoñecer, de xeito colectivo, o mellor do ano en materia de pulo tecnolóxico. Haberá nesta primeira edición dos premios unha sección de Software (entre os que xa están as máis variadas propostas para votar, libres e privativas, e dende o Nero 9 até o Internet Explorer 8, pasando Google Chrome e o Firefox 3.5) e outra de firmas innovadoras (entre as que xa se pode votar por Acer, Dell ou Sony, entre outras).
Amais disto, póñense en xogo apartados como Hardware do ano (onde pode poderemos dar a nosa valoración sobre as propostas que máis nos convenceron), Servizos web (con Buy Vip, Facebook, Netvibes ou Spotify á espera de que lles votemos) ou Electrónica de consumo.
O certame, que segundo se nos conta na web de Mancomún está por tratarse da primeira edición aberto a calquera suxestión que lle fagamos, pode ser unha ocasión para albiscar o futuro da innovación tecnolóxica e dixital a medio e longo prazo. Para o dito centro galego, estamos ante unha oportunidade de salientar colectivamente as boas cousas que se están a facer dende a comunidade internacional de desenvolvedores e de empresas de software libre. Como dixemos, serán os usuarios e lectores da web os que elixirán os gañadores, sendo a suma de votos a que determinará os galardoados. Os diferentes premios repártense en tres grandes áreas: consumo, profesional e peme; que a súa vez se subdividen en ata quince categorías. Co obxectivo de acadar a máxima participación na votación, a editorial concederá distintos premios aos que participen da enquisa pública.

PUBLICIDADE