Os índices de software copiado no mercado galego seguen a ser altos

venres, 23 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

Xa hai tempo que se conta, pero a novidade se cadra está na nosa constancia: as galegas e os galegos seguimos nos postos máis altos do Estado español no que a copiar software propietario sen permiso se refire. O problema, que podería comezar a solucionarse con máis información axeitada sobre as vantaxes do software libre (unha alternativa inmellorable posto que se nos ceiba de grandes investimentos en programas, achega competitividade e calidade e resulta cen por cen legal), sitúase en boa medida nos pequenos e medianos puntos de venda de material informático. A súa raizame está nunha cuestión competitiva: o cliente segue a querer software propietario (por exemplo Windows) e a tenda en cuestión (que ten que sobrevivir perante o empurre dos grandes espazos comerciais) fai o posible por darllo ao prezo máis baixo posible. De aí a ofrecerllo copiado non hai máis que un paso.
Segundo conta Microsoft no seu máis recente estudo sobre a cuestión, o índice de software ilegal no mercado situouse en 2009 nun 26,4%, algo menos (un 0,9%) da taxa obtida en 2008. A raíz das campañas levadas a cabo o ano pasado por Microsoft (campañas que en parte consisten en cazar ás tendas que vende os seus produtos sen licenza a través da figura do cliente anónimo), confirmouse que dun total de 834 puntos de venda, 220 achegaban este tipo de programas copiados (dos que 20 deixaron de distribuílo). Segundo informa Xornal.com facéndose eco do estudo, por comunidades segue en cabeza Estremadura (a súa taxa é do 48,9%), seguida de Castela e León (46,7%), Asturias (43,8%), Andalucía (42,4%), Castela A Mancha (36,7%) e Galicia (35,8%).

PUBLICIDADE