Os galegos Boy Elliott & The Plastic Bags presentan na Web o vídeo do seu tema Planeta 19

mércores, 6 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

Se a música é evasión, o tema Planeta 19 dos galegos Boy Elliott and the Plastic Bags éo aínda con máis motivos engadidos. En primeiro lugar, pola súa temática (fálase nela da necesidade de atopar un sitio onde se nos deixe soñar). En segundo, pola súa achega de rock galego e en galego nun eido internáutico e musical dominado pola sobrepresenza de certas linguas que son -co paso do tempo- máis uniformes que poñérmonos e menos opcións culturais libres. O caso é que a devandita banda, que concorre (arestora no posto 11) na edición 2008 do concurso en liña Apologhit que organizan a Radio Galega e Vieiros, está a presentar no YouTube a devandita canción co seu correspondente videoclip, desenvolvido polo equipo de Gorevision TV: The Next Generation, a canle ferrolá de televisión en liña independente.
O grupo, que aposta por anovar o eido musical galego bebendo das fontes do power pop, está integrado por Plastic Gus (batería), Marcos Bag (baixo), Diego Pigmalion (guitarra) e o ferrolán ex - Blood Filloas, Boy Elliott (guitarra e voz).