Os eventos online, os grandes protagonistas da actividade cultural de Lousame en 2020
mércores, 21 de abril do 2021
O
Concello de Lousame fixo balance do programa de actividades culturais
impulsadas levadas a cabo no termo municipal durante o ano que vimos
de deixar atrás. Entre os puntos máis destacados do informe figura
unha aposta integral e decidida polos soportes dixitais e as novas
tecnoloxías da información para manter viva a chama da cultura, a
comunicación e o coñecemento, e non só durante os meses máis crus
da crise sanitaria, senón tamén os restantes.
Como
dixemos, a Concellaría de Cultura elaborou un informe sobre as
actividades organizadas e executadas dende este departamento, que se
adaptou ás circunstancias sociais derivadas da pandemia da COVID-19
para xerar contidos culturais para o público familiar. Isto
manifestouse na creación, ao longo do 2020, de “numerosos recursos
gratuítos que foron difundidos a través da web, dos perfiles en
redes sociais e da aplicación móbil do Concello”, informou o dito
departamento, engadindo que dende estas canles foron difundidos e
promovidos eventos culturais dixitais, acceso a museos, concertos,
sesións de ballet, conferencias e charlas, cursos formativos sobre
diferentes temáticas, acceso a libros e audiolibros, xogos
populares, actividades para nenos e nenas, creatividade, idiomas e
vídeos editados polo Concello.
Asemade,
no informe faise saber que en 2020 adquiríronse novidades
bibliográficas e melloráronse as coleccións da Biblioteca
Municipal, realizáronse actividades de dinamización da lectura, e
desenvolvéronse programas da Rede Cultural (maxia, lingua a escena,
escena ao vivo, visións, teatro, alicerce e monicreques).
Amais,
durante o mes de agosto celebrouse o campamento para nenos e nenas, o
campamento Infantilandia, e dende ese mes ata outubro houbo
sesións de autocine, espectáculos de teatro e concertos.
Pola
súa banda, as asociacións culturais locais Son do Pote, Prudencio
Romo e C.L.D. tamén recibiron subvencións durante este período
para manter a súa actividade.
Felicitacións
dixitais
Co
obxectivo de “facilitar a situación do confinamento aos máis
cativos”, dende Cultura de Lousame púxose en marcha un sistema
para felicitarlles o aniversario dixitalmente. Así, todos aqueles
nenos e nenas que estiveron de aniversario durante o confinamento
recibiron tarxetas personalizadas e, incluso, vídeos de
felicitación.
Día
das Letras Galegas
No
balance do Concello tamén se fai saber que “o Día das Letras
Galegas de 2020 foi atípico e moi diferente aos celebrados nos
últimos anos”, pero dende “o Goberno local quixemos manter o
noso compromiso coa cultura, polo que deseñamos diferentes recursos
sobre as figuras de Carvalho Calero e Cernadas”. Isto
materializouse en actividades nas redes sociais (onde se compartiu a
biografía, a obra e o epistolario de Carvalho Calero, e onde foi
lanzada unha unidade didáctica para que os nenos e nenas puidesen
aprender máis sobre a súa figura dende unha perspectiva lúdica).
Ademais fíxoselles chegar un libro dos Bolechas e proxectouse en
redes un contacontos en directo.