Os enxeñeiros de Telecomunicación presentan o documento-marco para garantir e optimizar a implantación do fogar dixital

luns, 15 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Ramón Bermúdez de Castro e Mar Pereira na presentación da guía, na Cidade da Cultura

O fogar dixital non vai resultar só un pulo fundamental para o acceso ao coñecemento, tamén vai significar a mellora na calidade de vida de amplos sectores da nosa poboación. Isto, lonxe de ser unha realidade afastada, é algo que temos ao alcance da man, grazas en boa medida ao traballo desenvolvido pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación (AETG), que, como xa avanzamos dende Código Cero, estivo (e está) a traballar conxuntamente coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) na materialización dos mellores alicerces para permitir e asegurar a evolución na nosa terra das vivendas conectadas (no pleno sentido do termo). Froito disto é a elaboración da Guía práctica para a implantación do Fogar e do Edificio Dixital, un documento-marco que se presentou este luns na Cidade da Cultura de Santiago e que se perfila como obra de referencia para todas e todos os que queiran participar neste desenvolvemento.
E son moitas e moitos os que poden participar. Tanto a nivel de usuarias/os como de provedores ou impulsoras/es en calquera das súas vertentes: promotores, arquitectos, construtores, provedores de servizos, técnicos municipais, enxeñeiros de telecomunicacións, administracións públicas, etc. O documento-marco, elaborado pola AETG e a devandita axencia AMTEGA, foi debullado en detalle polo presidente da asociación, Ramón Bermúdez de Castro, quen fixo fincapé na vertente práctica que introduce esta guía, xa que “contén toda a información precisa en termos técnicos e económicos sobre a implantación do fogar dixital e que servirá de referencia a tódolos sectores involucrados no seu impulso”. Bermúdez de Castro, que aproveitou a ocasión para lembrar que os profesionais galegos do sector teñen unha cita ineludíbel o vindeiro 26 de outubro (a Noite Galega das Telecomunicacións, desta volta centrada nunha cuestión que vén moi a conto: a cidade dixital), deu paso a unha xornada de carácter práctico e dirixida a tódolos especialistas implicados na cuestión. No encontro estiveron presentes os principais profesionais técnicos do fogar dixital dos 315 concellos galegas e das entidades máis representativas neste ámbito.
A cita tamén contou coa presenza de Mar Pereira, directora de AMTEGA, que salientou cuestións de orde social e sanitaria vinculadas ao espallamento do fogar dixital, un concepto, dixo, que non só muda o noso xeito de acceder á información, senón tamén o noso xeito de vivir. As vivendas conectadas do futuro son, dixo, importantes oportunidades para que unha boa parte da nosa cidadanía adquira máis autonomía e calidade de vida (persoas dependentes, con diversidades funcionais ou motrices, doentes crónicos, etc). Ao seu xuízo, a chegada do fogar dixital é todo un reto que esixe pleno acceso ás telecomunicacións, precisamente “unha das liñas prioritarias do Goberno galego, que hoxe en día achega xa o 92,5% da cobertura prevista”.
A presentación da guía tamén serviu, xa en materia, para avaliar o propio concepto de fogar dixital e as súas implicacións: unha vivenda onde converxen infraestruturas (primeiro), equipamentos (segundo) e servizos (terceiro), satisfacendo necesidades actuais dos habitantes. Por certo que de darse as dúas condicións primeiras (estruturas e equipos), a listaxe de servizos resultante pode ser infinita, lembraron os responsábeis do documento-marco presentado. Estes requirimentos, máis doados de cumprir para as vivendas máis recentes (sobre todo as construídas a partir de 1998, coa aprobación das normativas específicas que obrigan a estruturas comúns de acceso), veñen detallados na devandita guía, un documento consenso chamado a orientar as actuacións de tódolos axentes implicados “co obxectivo de garantir o correcto e homoxéneo desenvolvemento destas infraestruturas TIC nas novas construcións que se leven a cabo en Galicia”, sinala a AETG.
A publicación, por certo, foi entregada na súa versión electrónica aos asistentes á súa presentación, e no seu seo recóllense datos precisos, en termos técnicos e funcionais, sobre a definición e desenvolvemento do edificio e fogar dixital, incluíndo inmobles residenciais e non residenciais e as vivendas unifamiliares. O documento tamén abrangue a estimación económica do afianzamento da vivenda dixital, analizando o investimento preciso para a preinstalación do mesmo.
Segundo fixo saber Bermúdez de Castro, o pulo a este novo concepto de espazos familiares ou empresariais plenamente conectados “é un obxectivo estratéxico de calquera sociedade avanzada, base da cidade dixital ou cidade intelixente, un concepto máis amplo, eixe vital da Axenda Dixital Europea, que define o espazo urbano como un ecosistema de innovación aberta, unha cidade mellor xestionada, máis sostible, máis habitable e, en definitiva, con mellor calidade de vida, grazas ao emprego de múltiples tecnoloxías e dispositivos para transmitir información útil e prestar servizos aos cidadáns”.

PUBLICIDADE