Os centros tecnolóxicos da contorna de Vigo pechan fileiras arredor da innovación
venres, 25 de novembro do 2011
Dez
centros tecnolóxicos e de investigación da contorna de Vigo mantiveron
esta semana unha reunión coa Delegada do Estado, María Teresa Pisano, para
ir dándolle forma ao proxecto Rede de Innovación Zona Franca, unha iniciativa
que, como o seu propio nome indica, constitúe basicamente unha fronte común de
diversas forzas ao servizo da modernización do tecido produtivo vigués e da súa
área de influencia. O proxecto, que afectará a diversos eidos de actividade
(incluído, claro está, o das novas tecnoloxías da información), conta coa
participación activa da Zona Franca, Investigacións Mariñas, o Instituto
Oceanográfico, ANFACO, CITEXVI da man da Universidade de Vigo (a través de
Energylab e Gradiant), AIMEN, CTAG e COINTEGA.
A
xuntanza dos centros e da Delegada do Estado serviu entre outras cousas para
abordar xa a elaboración de propostas e iniciativas que melloren a
rendibilidade dos recursos de investigación locais e conseguir máis fluxo de
coñecemento entre o que abrolla destes centros de I+D e o eido empresarial. Estas
serán as bases fundamentais da Rede de Innovación Zona Franca. Por certo que ao
abeiro da reunión, xa nun plano máis específico, perfiláronse os futuros
modelos de traballo a seguir, sendo moi viábel a adaptación de metodoloxías xa
postas en marcha en Euskadi, como a creación dun único centro de investigación
con marca propia que dese acubillo a tódolos diversos espazos de I+D que a día
de hoxe operan por separado, coordinación que os axentes que participaron na
xuntanza cualificaron de “imprescindíbel”
para acadar os mellores resultados de innovación a tódolos niveis. Amais disto,
avogouse polo aforro e optimización dos recursos económicos e pola non
duplicación da oferta de actividade de divulgación e formación.