Os Premios Eganet valoraron a accesibilidade, a orixinalidade e a loita contra a fenda dixital

venres, 23 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Finalmente fíxose entrega dos Premios Eganet 2008, encamiñados a recoñecer o valor de todo tipo de iniciativas de normalización tecnolóxica en Galiza. A cita foi no Hotel Monumento San Francisco, en Santiago, e contou cunha nutrida presenza de membros do tecido TIC galego, tanto do eido público como do privado (de feito, o salón que albergou a gala case fica pequeno).
A cerimonia, que xirou arredor do obxectivo común de rematar dunha vez por todas coa fenda dixital na nosa terra (lema lanzado por Eganet e recollido por todos os presentes), foi dirixida polo xornalista Fran Hermida, quen botou man da retranca para definir o que ben pode significar a dita fenda: non sermos quen de explicar na familia en que consiste a Sociedade da Información na que traballamos. Consecuencia: son maioría as persoas que desenvolvendo o seu labor na Internet foron encomendadas algunha vez na súa vida a atopar un traballo de verdade. Ironías aparte, o certo é que a tónica da gala foi a do optimismo.
E por se había algunha dúbida sobre isto, Eganet convidou ós presentes a fitar no valor das iniciativas premiadas. Sobre este punto, non hai nada que envexar ó que se fai fóra.
A continuación, damos conta das dez propostas recoñecidas polo xurado.
· Premio E-emprendedores.
Finalmente foi a empresa compostelá Thermosentinel a que se fixo co premio desta categoría, encamiñada a salientar o valor de iniciativas de negocio vinculadas ás canles dixitais. O galardón foi dar a mans da firma pola súa campaña Supervisión telemática Thermosentinel, que é un sistema de control a distancia de colectores frigoríficos e que se conecta directamente á centraliña de control do sistema de frío. Emprega tecnoloxía GPRS para que os datos sexan enviados en todo intre a un servidor central dende o que fican dispoñibles para velos dende calquera computador conectado a Internet. Por certo que se hai algún incidente xérase na centraliña unha alarma detectada e comunicada mediante SMS a cantas persoas estean rexistradas no sistema. Segundo indican os responsables da empresa, “ter instalado ThermoSentinel é como levar un vixilante apegado ó remolque as 24 horas do día e disposto a dar conta de calquera problema”.
· Premio Software Libre.
O recoñecemento de Eganet no eido do código aberto foi dar a Sixtema, Solucións e Proxectos de Información, con sede en Santiago. A proposta que motivou o premio foi a posta en marcha (empregando ferramentas libres e favorecendo asemade a innovación allea) do Catálogo SIX (na Rede podemos velo na súa aplicación para o Catálogo do Sistema de Información Xeográfica do Concello de Corcubión). O software que achega Sixtema non é outra cousa que un medio para xestionar información sobre un espazo físico concreto, achegando cartografía e os seus datos vinculados en portais web (coma o de Corcubión) ou en soportes dixitais como CDs ou DVDs.
· Premio Cultura Dixital.
Este galardón foi para Pixel Grafics (Vigo) por un xogo de estratexia do que xa temos informado nesta mesma web: SQR. Desenvolvido por Uber Cool Games (pertencente a Pixel Grafics), constitúe unha proposta a medio camiño entre o xadrez e o Pokemon, en palabras dos seus responsables. Ofrece a posibilidade de multixogador e cinco clases de personaxes. A idea é descifrar unha clave tras outra para adquirir experiencia, habilidades e, en última instancia, fortalecemento. Por certo que, en boa medida como na Rede 2.0 (a participativa), esta información adquirida é perfectamente intercambiable entre xogadores.
· Premio Comunicación Web Empresarial.
Finalmente foi Pedro Figueras Comunicación (Vigo) o que se levou este recoñecemento, dirixido a salientar o máis axeitado do ano en Galiza en materia de diálogo corporativo na Internet. O motivo do premio? Non foi outro que a proposta en liña de A Nosa Terra Diario, unha web destinada a facer doado o acceso do lector á información e o dos propios xornalistas ao seu traballo. Segundo o propio Pedro Figueras, este galardón é “unha aperta de benvida de todo o sector das novas tecnoloxías á aposta de A Nosa Terra pola modernización e a innovación, polo uso en definitiva de técnicas e ferramentas de programación e deseño nunca antes combinadas nunha web galega”.
· Premios Sociedade Web.
Este galardón, dirixido a salientar o papel de iniciativas galegas de tipo social na Rede, foi dar a mans da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade (Vicepresidencia) pola posta en marcha do espazo web do Voluntariado Galego, un sitio en liña do que xa temos falado algunha que outra vez en Código Cero e que está dirixido a reforzar en Galiza as ligazóns que unen aos mozos e mozas que desenvolven tarefas de axuda e cooperación desinteresada. En definitiva: a facer rede social. O portal, deseñado por Abertal Networks, xa conta na actualidade con 716 asociacións rexistradas (cada unha co seu miúdo espazo en liña dentro da propia comunidade do Voluntariado Galego) e dá servizo a máis de 2.500 usuarios rexistrados.
· Premio Aplicación on line.
O xurado deu como gañadora dentro desta categoría (dirixida a recoñecer propostas de natureza práctica na Rede) á empresa de Oleiros Netex Knowledge Factory (FYNET) polo seu proxecto Kubbe, un produto que podería ser cualificado de exemplo de “e-learning 2.0” (polo que ten de aprendizaxe a distancia e polo que ten de participativo e constante) e que axuda a internautas en xeral a atopar de xeito completo as actividade formativas e máis os recursos humanos e técnicos que máis lles conveñen. Neste intre, FYNET (que conta xa con dez anos de experiencia na aprendizaxe a distancia, posibilidade grazas á Rede) ten entre os seus clientes a empresas da talla de Santander, BBVA ou Telefónica.
· Premio e-Commerce.
Visual Publinet (Vigo) impúxose finalmente como gañadora nesta categoría, e fíxoo grazas ó deseño da feitura dunha iniciativa empresarial que cumpre cos que poderíamos chamar “requisitos básicos da innovación”, baseados unha boa parte deles na orixinalidade e máis na funcionalidade. Nisto é no que apoia a web La Manzana del Cuento, unha proposta de tenda en liña que quere –ante todo- responder á seguinte pregunta: que agasallar cando queremos ser orixinais e, sobre todo, dar no cravo? Neste senso, a empresa fai uso das vantaxes do comercio electrónico para achegar un variado catálogo de elaboradas cestas de froita procedentes de todos os recantos do mundo.
· Premio Publicidade on-line.
La Nuestra Comunicación Publicitaria (Oleiros) impúxose nesta modalidade co deseño na Web das Xornadas de Publicidade Marca Galicia, organizadas a partir do 29 de maio polo Club Internacional de Prensa na Facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago. O cometido de La Nuestra foi darlle forma á campaña de comunicación, incluídos os trípticos descargables, a páxina web e mesmo un moi interesante apartado chamado Casting de conferenciantes non admitidos, que recrea por así dicilo as imaxes e situacións que non puidemos ver da escolma de relatores, representados cada un dos rexeitados con clicks de Playmobil e técnica Stop Motion.
· Premio Tecnoloxía Accesible e Segura.
Nesta modalidade, o galardón foi dar á Asociación de Persoas Xordas de Lugo e máis á Rede de Dinamización da Sociedade da Información, pola campaña Rede Xorda Galega. Ambas entidades foron as responsables, entre outras cousas, da posta en funcionamento da ferramenta Diccionario E-SignoVisual, un espazo web encamiñado a dar conta (na lingua de signos) dos vocablos tecnolóxicos máis usados no día a día dos internautas. Por certo que esta aplicación recibiu hai pouco outro recoñecemento especial, desta volta da Asociación de Redes de Telecentros.
· Premio Especial.
Este premio foi dar a Redes de Telecomunicacións Galegas (Retegal), sociedade pública fundada no ano 1997 que xestiona as infraestruturas, servizos e sistemas de transporte e difusión dos sinais analóxicos e dixitais da Radio e a Televisión de Galicia, ademais doutras cadeas. Con este galardón, Eganet recoñece “a actividade de vertebración territorial desenvolvida por Retegal a través da modernización das infraestruturas de telecomunicacións”.
Máis recoñecementos
Eganet non quixo deixar pasar a ocasión de recoñecer ás empresas da asociación que levan xa unha década traballando no sector a prol da normalización das ferramentas dixitais en Galiza. Desta maneira, os proxectos empresariais homenaxeados foron: Bonaval Multimedia, Galinor Servicios Internet, Imaxin Software, Interacción, Entes Knowledge Factory, Telémaco e Visual Publinet.
Homenaxe ó anterior presidente da asociación
Xa na recta final da gala de entrega dos seus premios, Eganet tamén lle rendeu homenaxe ao ex presidente da Asociación, Xosé Ramón Pais Curto, quen recibiu unha placa conmemorativa por mor do labor desenvolvido durante o tempo que estivo á fronte da mesma.