CIBER.gal reúne o martes en Ourense a especialistas para analizar a ciberseguridade empresarial

luns, 8 de xuño do 2026 Redacción

O Nodo Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, promovido pola Xunta, celebrará o vindeiro 9 de xuño no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) a xornada Ciberseguridade aplicada: Protexendo ás empresas galegas nun mundo dixital, unha cita orientada a empresas, profesionais e estudantado vinculado ao ámbito tecnolóxico. A inscrición é de balde e aínda está aberta.
O encontro, organizado conxuntamente pola AMTEGA e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), permitirá coñecer os avances da rede galega de laboratorios e centros demostradores de ciberseguridade, así como a súa contribución á protección do tecido empresarial galego.

Relatorios e capacidades da rede RETECH

A sesión arrancará coa apertura institucional do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos. A continuación, Gustavo Herva (AMTEGA) e Raúl Amarelle (INCIBE) presentarán a evolución do Proxecto RETECH en ciberseguridade. O programa continuará con cinco relatorios centrados nas capacidades dos laboratorios galegos e nos seus principais ámbitos de aplicación.

Debate e visión práctica

A programación inclúe tamén unha mesa de debate sobre os laboratorios e centros demostradores, coa participación de María Rodríguez (Telefónica), José Cascallana (InprOTech), Carlos Pérez (CTAG), Juan González (Gradiant), Héctor Haab (ITG) e Ana Fernández (Universidade de Vigo).
Especialistas procedentes do ámbito empresarial, universitario e das forzas de seguridade compartirán ademais experiencias e boas prácticas para anticiparse e facer fronte ás ameazas dixitais nun panel centrado en estratexias reais de ciberseguridade.
A clausura correrá a cargo de Alba Meijide (Telefónica), que analizará o impacto da intelixencia artificial na evolución da ciberseguridade e os retos que formula para as organizacións.
A xornada rematará cun espazo de networking destinado a favorecer o intercambio de coñecementos e contactos entre os asistentes.