Os Campus de Vigo e Ourense celebran o Día da Muller na Ciencia con obradoiros, feiras, charlas e concursos

luns, 6 de febreiro do 2023 S. P.

Os Campus de Vigo e Ourense serán os días vindeiros un fervedoiros de actividades con motivo do Día da Muller e da Nena na Ciencia, que se celebra o 11 de febreiro. Haberá, entre outras cousas, obradoiros, feiras divulgativas, charlas, concursos e premios. Dende o xoves e ata o sábado tanto os centros de investigación, como as escolas e facultades e outras localizacións no centro de ambas cidades acollerán diferentes propostas para escolares e para o público en xeral.
O obxectivo de todas estas iniciativas é “dar visibilidade ao traballo das mulleres científicas, así como achegar ás novas xeracións de mozos e mozas referentes femininos no campo da ciencia e da enxeñaría e promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero”.
A axenda de propostas está principalmente impulsada polas propias docentes e investigadoras da UVigo, coa colaboración da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e da Unidade de Igualdade da UVigo.
En Vigo, Elas Fan CienTec
A celebración do 11F na Universidade de Vigo tráenos novamente o programa de obradoiros Elas Fan CienTec, que chega este ano á súa sétima edición. Nesta ocasión serán as alumnas de cinco institutos de Vigo, Redondela, Nigrán e Marín as que visiten os centros de investigación e as escolas do campus para coñecer, da man das propias investigadoras, as diferentes liñas de traballo que estas desenvolven nos seus laboratorios. O programa, elaborado en colaboración coa Unidade de Cultura Científica, desenvolverase o venres día 10 pola mañá e comprende 16 actividades, dende obradoiros ata xincanas ou concursos.
O Centro de Investigacións Biomédicas, CINBIO, acollerá ás estudantes do IES A Guía e do IES Pedro Floriani, que poderán escoller entre oito obradoiros, que inclúen dende preparación de nanopartículas de ouro, ata a síntese de nanopartículas, o estudo das doenzas raras, a extracción de ADN da froita ou determinación do grupo sanguíneo. As mozas do IES Escolas Proval visitarán a EE Industrial, onde realizarán obradoiros de termografía infravermella ou de deseño e prototipado, e as alumnas do IES Illa de Tambo terán como destino a EE de Minas e Enerxía, para aprender a recoñecer minerais ou participar na xincana Science Games: Catching Fire e no concurso grupal The Wall. Finalmente, as estudantes do IES Ricerdo Mella realizarán na EE de Telecomunicación diferentes actividades, dende unha sesión de detectives de imaxes ata un taller de programación dun xogo con Scratch e outro de programación web.
eXXperimenta en feminino en Ourense
No Campus de Ourense celebrarase eXXperimenta en feminino, unha proposta deseñada por docentes e destinada a alumnado da provincia e tamén ao público en xeral. A sexta edición desta feira divulgativa, que conta coa colaboración do Concello de Ourense, terá lugar o día 10 entre as 11.00 e as 18.00 horas na praza do Bispo Cesáreo. Nela, as e os participantes poderán achegarse a diferentes postos para coñecer, a través de experimentos, os microorganismos da auga, as propiedades do solo, como se forman as nubes, a aerodinámica dos avións, diferentes claves para a agricultura sustentábel e a apicultura, programación de videoxogos ou diferentes aspectos relacionados coa saúde, entre outros.
Relatorios en 36 centros educativos de toda Galicia
Outra das iniciativas que se insire dentro da programación do 11F son unha serie de charlas e relatorios que investigadoras da Universidade impartirán en 36 centros educativos de toda Galicia. Serán un total de 73 actividades, tanto presenciais como virtuais, que se desenvolverán nas dúas primeiras semanas deste mes, da man de 34 científicas e un científico da UVigo co apoio da UCC+i.
Entrega dos Premios GirlGeekCovid
A Unidade de Igualdade, a través da Cátedra Feminismo 4.0 Depo-UVigo, recoñece a alumnas destacadas do ámbito das STEM na Universidade de Vigo como unha forma de incentivar, apoiar e fomentar este tipo de estudos entre as mozas. Os premios entregaranse tamén coincidindo co Día da muller e da nena na ciencia nun acto o día 9 na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo ás 12.00 h, coa presencia da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa.
Charla interxeracional no edificio Redeiras
Tamén o día 9 o edificio Redeiras acollerá a partir das 19.00 horas unha charla interxeracional, unha iniciativa que xa se organizou o ano pasado, e que busca que catro mulleres investigadoras da Universidade que se atopen en diferentes etapas da súa traxectoria profesional compartan as súas experiencias e reflexións como mulleres de ciencia. Esta actividade será de acceso libre ata completar a capacidade da sala.
Entrega de premios do Concurso Marie Tharp do CIM
Tamén no marco da celebración do 11F celebrarase a entrega de premios do Concurso Marie Tharp convocado polo Centro de Investigación Mariña da UVigo e dirixido a mulleres investigadoras predoutorais e postdoutorais do centro que quixesen contar o seu traballo nunha peza audiovisual dun minuto de duración.
O xurado deste concurso, que recibe o nome da cartógrafa oceanográfica e xeóloga mariña Marie Tharp, coautora do primeiro mapamundi do relevo submarino, decidiu premiar na categoría predoutoral a María Alborja Valado e na posdoutoral júnior a Sara Gamboa Jurado-Centurión, mentres que Iria García Moreiras recibirá unha mención especial. O acto de entrega de premios será o día 10 ás 13.00 horas no salón de graos do edificio de Ciencias Experimentais.
Oracle4girls na ES de Enxeñaría Informática
A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense tamén apostou por organizar actividades para conmemorar o 11F e farao a través de Oracle4girls, unha iniciativa que busca “equilibrar a porcentaxe de representación feminina na contorna tecnolóxica do futuro, a través de obradoiros que fagan da ciencia e a tecnoloxía dúas áreas atractivas para as máis pequenas”. Con diferentes sesións para nenas de entre 4 e 16 anos desenvólvense, en modo lúdico, talleres baseados en robótica, programación, impresión 3D e en diferentes áreas tecnolóxicas preparadas para as máis pequenas. As actividades desenvolveranse na ESEI o sábado 11 de 09.30 h a 13.30 horas. A inscrición está aberta.

PUBLICIDADE