OnePlus entra no negocio das pulseiras de actividade

luns, 11 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Cada vez son máis os fabricantes chineses de smartphones que incorporan ao seu catálogo pulseiras de actividade, de xeito que así achegan aos seus clientes un produto de moda sen que teñan que recorrer a outras marcas, e o último en sumarse á tendencia é OnePlus, que vén de estrear na India a OnePlus Band.
Este produto vai na liña do que xa estamos afeitos, presentando un deseño de correa en dúas cores, unha pantalla AMOLED de 1,1 polgadas con numerosas aspectos personalizables, resistencia á auga, monitorización do pulso cardíaco (durante o exercicio, o descanso e o sono), 13 modos deportivos e incluso monitorización continua da saturación de osíxeno en sangue (o que pode axudar a detectar problemas de saúde).
Por suposto, este accesorio tamén serve para recibir notificacións do móbil, controlar a reprodución multimedia ou disparar a cámara do móbil a distancia podendo presumir dunha autonomía de até 14 días e dun prezo de lanzamento de só 2.499 rupias (28 euros), polo que estamos ante un accesorio tan completo como accesible, que previsiblemente terá un prezo superior cando chegue ao mercado europeo, pero mantendo o equilibrio que ultimamente caracteriza a OnePlus.

Vídeo promocional da OnePlus Band

PUBLICIDADE