O videoxogo de Thor contará coas voces dos actores da película

xoves, 2 de decembro do 2010 Marcus Fernández

Chris Hemsworth porá rostro e voz a Thor no novo videoxogo de SEGA

O vindeiro mes de maio Marvel levará aos cines unha película baseada no seu personaxe Thor, o deus nórdico do trono, que contará cunha adaptación ao videoxogo elaborada por SEGA, e da que veñen de confirmar que contará cos actores Chris Hemsworth e Tom Hiddleston para pór voz a Thor e o sen irmán Loki, deus do engano, respectivamente, de xeito que facilitarán a asociación do xogo Thor: God of Thunder coa película coa que coincidirá no tempo, aínda que non en historia, pois o videoxogo aproveitará moitos detalles extraídos das aventuras de Thor nos comics para enriquecer o universo virtual ao que darán vida en varias plataformas e que conformarán o primeiro videoxogo protagonizado por Thor.
Este título será un xogo en terceira persoa no que o heroe terá que percorrer varios mundos da mitoloxía nórdica para salvar Asgard, o seu reino. As comparacións coa saga de God of War son inevitables, pero esta aventura terá unha identidade de seu, non faltando o lendario martelo Mjölnir ou o uso do poder do trono, o lóstrego e o vento para derrotar aos seus inimigos, entre os que non faltan os míticos Ulik, Ymir e Surtur.

Thor enfrontarase a distintos monstros da mitoloxía nórdica
Ulik será un dos clásicos inimigos de Thor que poderemos ver no videoxogo