O tráfico web dende o móbil é xa do 10% a nivel mundial

mércores, 9 de maio do 2012 Raquel Noya

O tráfico de Internet a través de dispositivos móbiles como teléfonos ou máis recentemente tablets, vén de acadar dez puntos porcentuais a nivel mundial, unha cifra que chama moito a atención dos profesionais do sector porque fai tan só un ano estaba na metade, e por estas datas no 2010 non chegaba ao 3,81 por cento.
Os datos achéganolos Pingdom, onde nos informan de que “o mundo está a cambiar e está a cambiar rápido”; e non se enganan nada posto que, por poñer un exemplo, e sempre segundo cifras recollidas das gráficas que inclúen na información, Asia incrementou en case un 200% o tráfico a Internet dende o móbil respecto do pasado ano, pasando do 6,1% ao 17,84%.
Europa, que só tiña rexistrado un 1,81% de tráfico móbil en 2010, incrementou a porcentaxe nun 183,43%, situándose agora nun 5,17%, moi lonxe, como vemos, do continente asiático.
Pola súa banda, outro dos grandes: Estados Unidos, que xa tiña unha porcentaxe relativamente importante de tráfico móbil en 2010, cun 4,71%, sitúase este ano no 7,96%, é dicir, que experimentou un crecemento de só o 69% pero que segue a estar entre os primeiros continentes por detrás de Asia e África.
Outro dato curioso que se extrae destas gráficas é que tanto Asia como África superan a media mundial no acceso a Internet dende o móbil, e lonxe do que puideramos pensar, o país con maior proporción de tráfico móbil é a India (48,8%), seguido de Zambia (47%), Sudán (45%) ou Uzbekistán (42,4%), entre outras rexións dos devanditos continentes, o que nos permite deducir que nalgúns destes países o tráfico de Internet a través dos dispositivos móbiles é superior, ou serao moi pronto, ao que se ten a través dos ordenadores, por unha cuestión de funcionalidade e utilidade.

PUBLICIDADE