O proxector transportable de Epson integra Android TV

xoves, 30 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Buscando convencer a un público moi amplo chega o proxector portátil 3LCD 1080p Epson 880X, que pode resultar moi práctico para a realización de presentacións profesionais coa vantaxe de ser doado de transportar na súa bolsa, como tamén pode utilizarse para o lecer grazas a que conta con Android TV con Chromecast integrado (o que resulta moi cómodo para acceder a contidos en liña e incluso para achegar contidos dende o móbil).
Este novo proxector de Epson ofrece unha imaxes Full HD de até 300 polgadas cun brillo de 3.300 lumenes, ou sexa, que tería o cuádruplo de superficie que un televisor de 75 polgadas, conseguindo así unhas proxeccións de impresión para presentacións profesionais, consumo audiovisual ou mesmo para amosar xuntanzas en Zoom.
Ao estar equipado con Android TV pode controlarse mediando a voz (xa que integra o asistente de Google) e facilita o acceso ás aplicacións de servizos de vídeo baixo demanda máis populares do mercado (dende YouTube até Netflix, pasando por HBO e Amazon Prime Video).
Este proxector de Epson chegará a finais de outubro ao mercado a un prezo que nos EE.UU. será de 629,99 dólares (544 euros), polo que estamos ante un produto cun prezo bastante axustado para unha prestacións moi completas.

PUBLICIDADE