O proxecto en liña Xente con Vida acada as 420.000 páxinas vistas

martes, 21 de agosto do 2012 Raquel Noya

Xente con Vida é un proxecto en liña posto a andar pola Consellaría de Sanidade para axudar á cidadanía galega a levar unha alimentación saudable, que dende a súa estrea no pasado mes de marzo, acadou xa as 420.000 páxinas vistas.
A iniciativa, que está presente na Rede a través dunha web, un blog de seu, e perfís en Facebook e Twitter, ten por obxectivo informar ás persoas usuarias sobre temas relacionados coa saúde e a boa alimentación, e vistos os datos de visitas recadados, pódese dicir que a acollida entre a poboación é moi boa.
Tan boa que en 18 semanas a web e o blog de Xente con Vida sumaron 125.297 páxinas vistas (o que supón unha media diaria de 930 páxinas vistas) e 25.413 visitas, é dicir, 5 páxinas vistas por visita e día. O director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Manuel Varela Rey, que recentemente fixo balance da iniciativa, resaltou que os artigos da web teñen unha valoración moi positiva por parte da cidadanía, “cunha media de 4 puntos sobre 5 posibles”, apuntou.
Os contidos máis comentados e compartidos polos usuarios, explicou Varela, “son as propostas de menús infantís e para toda a familia; os artigos sobre mantemento de peso; os consellos para previr enfermidades; e as informacións sobre mitos en torno a alimentación”.
No que atinxe ao seu perfil en Facebook, Xente con Vida suma xa 295.000 páxinas vistas, máis de 700 fans, 2.300 accións dos usuarios e 87 mensaxes publicados, con 32.000 persoas de alcance real.
Pola súa banda, Twitter estase a perfilar como unha canle de comunicación directa con profesionais do eido sanitario, nutricionistas e expertos en alimentación, profesores e cidadáns con interese na alimentación saudable.
Todo isto, sinalou o director, “sen investimento publicitario, polo que se trata, segundo destacou, dunha iniciativa dunha grande eficiencia”.
A maiores hai que engadir que a partir do vindeiro mes de setembro, a web ampliará o abano temático coa inclusión da categoría de exercicio físico, coa que os responsables achegarán información relativa á práctica deportiva saudable para a mellora da calidade de vida dos galegos e galegas.

PUBLICIDADE